Durante a miña infancia e xuventude adoitaba pasar os veráns en Guitiriz, mais nunca souben de Díaz Castro até que lle foi adicado pola RAG o Día das Letras Galegas de 2014. Naceu en Os Vilares (Guitiriz) en 1914 e finou en Lugo en 1990, sendo un poeta e tradutor galego nacido no seo dunha familia labrega. Estudou no Seminario de Mondoñedo e fixo o servizo militar na sanidade militar de Coruña. E tivo a sorte -dentro do malo- de pasar a guerra civil destinado no Hospital de Pontevedra. Aquilino Iglesia Alvariño -que coñecera no seminario- contou con el como profesor do Colexio León XIII de Vilagarcía de Arousa, do que Aquilino era director. Fixo o Bacharelato e despois licenciouse en Filosofía e Letras por Salamanca, especializándose en linguas modernas. Traballou en Madrid como tradutor para o Ministerio de Gobernación e outros organismos oficiais e privados. Logo, exerceu a docencia como profesor de linguas clásicas e modernas. Traballou tamén no Consello Superior de Investigacións Científicas e no Instituto de Cultura Hispánica. En 1954 casou con Mª Teresa Zubizarreta Bengoechea. Os seus primeiros versos en galego foron Lembranzas e sospiros. Despois publicou Baix’o o calor, Lá vou amor, As formigas, Era un contiño de fadas, Follas verdes, Follas ô aire (todas dos anos trinta, antes da Guerra). Porén a súa obra máis sonada -e a única que eu lle lin até agora- foi Nimbos, publicada en 1961. Disque en xeral amosa unha temática existencial e relixiosa, en comuñón coa natureza. O seu poema máis sonado é “Penélope”, que moita xente xa coñecerá e que foi musicado e cantado pola Quenlla -entre outros artistas. A Díaz Castro inclúeno na Xeración do 36, xunto a Carvalho Calero, Celso Emilio Ferreiro, Aquilino Iglesia Alvariño,… Dominaba máis dunha ducia de linguas, entre elas o éuscaro. E traduciu numerosas obras estranxeiras ao castelán. Actualmente, a asociación cultural Xermolos recolle donativos para rehabilitar a súa casa (e espero que o consigan). Escollín de Nimbos este poema titulado COMA UNHA ESPADA:
TÓDOLOS ríos pasan pola miña
alma, cheos de Deus, música e lapas.
Tódalas pombas fan o meu amor.
A beleza feriume para sempre.
Ó traveso da escura teadaraña
deste mundo unha estrela cai no río
da miña vida e quédame chamando.
A beleza feriume para sempre.
En cada vez eu oio unha chamada
cun longo eco de adeus que non entendo,
pro que me fire coma espada ardendo.
A beleza feriume para sempre.
I as falopas dos anos van caendo
sobre a sede inmortal e os ollos tristes,
pro no enterran a boca da ferida!
A beleza feriume para sempre.