Ourense | A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou a licitación hoxe das obras de tres sendas nas estradas OU-105, OU-536 e na avenida de Ponferrada, no concello de Ourense.
Vázquez Mourelle achegouse a Ourense para presentar a nova actuación da Xunta na cidade e informar de que hoxe a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle a licitación das obras destes 3 novos itinerarios na Rabaza, en Ponte Sevilla e na avenida de Ponferrada, que suporán un investimento da Xunta de 1,8 M€, tendo en conta as expropiacións das 45 fincas afectadas.
A conselleira avanzou que o obxectivo é iniciar as obras ao comezo do verán para que poidan estar rematadas a finais deste mesmo ano ou comezos do próximo, ao ter un prazo de execución de 6 meses. As empresas interesadas neste contrato teñen ata o 14 de febreiro para presentar as súas ofertas. Detallou que con estas obras habilitaranse 3 novas sendas de 3,5 qms de lonxitude total. Serán de uso compartido, peonil e ciclista, de ancho variable, pero cun mínimo de 1,80 metros para garantir unha boa accesibilidade.
OU-105
Máis concretamente, actuarase na marxe dereita da estrada autonómica OU-105, executando un itinerario de algo máis de 800 metros na zona de Ponte Sevilla, fronte ao concesionario que hai xunto á glorieta e ata o punto onde se atopa a parada de bus próxima ao tanatorio.
Ao comezo do itinerario, na marxe dereita, existe un treito de beirarrúa, de xeito que coa nova senda darase continuidade peonil ata acadar o desvío ao tanatorio As Burgas.
Tal e como sinalou Ethel Vázquez, o desvío ao tanatorio As Burgas será o punto final da senda, que terá continuidade nas obras que está a executar a Xunta en Seixalbo, no marco da 2ª fase de mellora da seguridade viaria na que se está a investir case 1 M€ e que pronto estará rematada, neste 1º trimestre.
Dixo que no marco do contrato tamén se executará un novo itinerario de case 1,5 km na estrada que vai a Trives, na OU-536, na Rabaza, neste caso pola marxe esquerda da vía.
A senda partirá do paso de peóns no cruzamento co camiño de Souto Sanín, seguirá pola marxe esquerda e desviarase polo terraplén existente cara á rúa B, continuando logo por esta rúa ata acadar a intersección coa OU-536 (no quilómetro 2+400).
A terceira das sendas executarase, tamén pola marxe esquerda, na avenida de Ponferrada. Será un itinerario de 1,1 km, desde a avenida de Buenos Aires ata a glorieta que hai no quilómetro 1+950 da estrada OU-536 na Rabaza.
A conselleira explicou que as sendas irán separadas da vía por distintos elementos, en función das necesidades: gabia revestida e con peitoril de seguridade, franxa de vexetación, bordo prefabricado ou combinación destes elementos.
Ademais executaranse muros de sostemento en distintos puntos das 3 estradas nos treitos onde se executan os novos itinerarios.
Sinalou que na intervención inclúese tamén a disposición de 9 refuxios nas paradas de autobús na traza pola que discorrerán estes itinerarios, para facer máis cómoda a espera aos usuarios e protexelos das inclemencias do tempo.
Tamén se ampliará a plataforma da estrada OU-536, cunha estrutura en voadizo ancorada ao muro existente no quilómetro 1+765; melloraranse os sistemas de drenaxe; e deixarase disposta a preinstalación de canalizacións e servizos, ademais de sinalización e a colocación de varandas e sistemas de contención.
Ethel Vázquez puxo o acento nos beneficios do Plan de sendas da comarca de Ourense, cun investimento de 6,4 M€ e 16 km de novos itinerarios.
Neste momento están en execución as sendas dos parques empresariais, en San Cibrao e O Pereiro de Aguiar, que se retomaron en decembro tras a preinstalación do alumeado; en supervisión o proxecto das sendas da Medorra e Paiseo e das Vendas e Santa Baia; e coa previsión de licitar na primavera as sendas de Montealegre e Valderregueiro.
A titular de Infraestruturas e Mobilidade tamén amosou a disposición da Xunta de seguir traballando e investindo na mellora da seguridade viaria e da mobilidade en Ourense: ultimando as obras da 2ª fase da Ponte Romana e da 2ª fase de Seixalbo; e avanzando na Rolda Leste entre Bemposta e a N-525, proxecto do que se acaba de adxudicar a redacción do proxecto construtivo, para pechar a circunvalación polo sur conectando coa A-52.