Salvaterra de Miño | O Concello de Salvaterra de Miño publica no perfil da Plataforma de Contratación do Sector Público a licitación das obras de mellora das instalacións deportivas de Dextros, licitación aberta ata o 23 de abril. Este proxecto contará cunha partida de máis de 600.000 euros para modernizar as instalacións e convertelas nun referente de eficiencia, accesibilidade e dixitalización.
Esta obra susténtase nunha financiación que combina fondos europeos e autonómicos, evidenciando o caracter estratéxico do proxecto, que recibe 338.717,58 euros do Consello Superior de Deportes, con cargo aos fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia, e 302.229,20 euros aportados polo Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia destinados a inversións en infraestruturas municipais de carácter estratéxico.
Con esta mellora levarase a cabo unha transformación do campo, adaptándoo ás necesidades actuais en materia de eficiencia, enerxética, accesibilidade e dixitalización, abordando unha ampla gama de melloras. Por un lado implementaranse medidas significativas para reducir o consumo, substituíndo o sistema de alumeado actual por tecnoloxía LED, que suporá unha diminución de máis do 50% no consumo enerxético, ademais instalaranse paneis solares na cuberta da grada e un sistema de fototermia con catro acumuladores de 200 litros, aproveitando así as enerxías renovables.
Realizarase unha renovación integral das instalacións, con actuacións nos vestiarios e a estrutura do edificio. Renovaranse as cimentacións, a fachada, a carpintería, a cuberta, o illamento, a fontanería e o saneamento. Actuarase en parte do peche perimetral para mellorar a seguridade e estética do recinto, e en materia de accesibilidade levaranse a cabo melloras para garantir o acceso a persoas con mobilidade reducida, incluíndo a construción dun novo aseo adaptado.
Ademais destas intervencións na propia instalación, incorporaranse outros equipamentos e melloras para optimizar a funcionalidade e confort das instalacións. Instalarase unha persiana no peche na zona de cantina, renovarase a cuberta da grada e sanearase a estrutura existente. O acceso ao recinto deportivo tamén se mellorará coa instalación de bancos, árbores, unha pérgola e outros elementos que faciliten a accesibilidade. Tamén se mellorará a rede perimetral do recinto.
En relación ao ámbito de dixitalización, instalarase un moderno videomarcador dixital de 3×2 metros e implementarase un sistema de xestión automático de encendidos, apagados e Funcionamento do climatizador, optimizando o uso dos recursos. Unha inversión que reafirma a aposta polo deporte do concello de Salvaterra de Miño e que convertirá o Campo Antonio Bernárdez Gándara – Dextros nun referente en toda a comunidade, xerando un espazo deportivo adaptado ás necesidades actuais.
Pavimentación de vías municipais
A Xunta de Goberno Local da luz verde a unha inversión de preto de 650.000 euros a través dun novo Plan de Pavimentación de Viais Municipais que levará a cabo o Concello de Salvaterra de Miño. Plan financiado a través da liña de Inversión do Plan +Provincia 2025.
Con este Plan, que se suma a do ano 2024, búscase seguir mellorando a rede municipal de estradas e viais a través dunha inversión plurianual para os anos 2025 e 2026. En xeral extenderase e compactarase unha capa de mistura bituminosa en quente e porase a cota da nova rasante as tapas de Rexistro e rexas existentes en 27 actuacións en viais municipais.