OURENSE | A música non profesional atopa o seu espazo. As bandas emerxentes da cidade xa teñen un novo lugar onde ensaiar, totalmente equipado, e de balde. É o Espazo Lusquiños da Mocidade, na Avenida de Marín 16, dependente da Concellería de Xuventude, que fai un chamamento durante todo o mes de agosto para que todas as formacións noveis ourensanas poidan solicitar o seu local de ensaio.
A convocatoria estipula que, para poder acceder a un destes locais, as bandas teñen que estar formadas por un mínimo de tres persoas, de entre 15 e 35 anos, empadroadas no Concello de Ourense. Cumprindo estes requisitos, hai que encher un impreso de solicitude (dispoñible na páxina web ourense.es, aínda que tamén se pode recoller na OMIX da Praza de San Martiño 2) e presentar unha copia dos DNIs de cada membro da banda, amais dun breve currículo e foto da formación. No caso dos menores de idade, haberá que adxuntar tamén unha autorización paterna / materna.
Esta chamada estará aberta durante todo o mes de agosto, e dará dereito a seis meses de local totalmente equipado -só é preciso levar os instrumentos- de balde.
A concesión dos locais ás bandas que cumpran os requisitos farase por rigorosa orde de entrada.
Máis información, na Concellería de Xuventude (Praza de San Martiño 2) ou no teléfono 988.388.154