Salceda de Caselas | Acordo de apoio á investidura da Alcaldía de Salceda de Caselas.
As organizacións políticas BNG, PSdeG-PSOE, e MS atendendo ao resultado electoral do 28 maio, consideran que é posible garantir a investidura na Alcaldía de Salceda de Caselas á persoa que represente á maioría social da cidadanía, manifestada nos 2.813 votos acadados fronte aos 2.411 da forza política da dereita.
Considerando en todo momento que toda acción política en Salceda de Caselas debe asentarse: En comprometerse nunha xestión municipal na que se poñan por diante os intereses xerais da veciñanza; e, nese senso, procurar solucións aos problemas que nos últimos meses se veñen pondo en evidencia, tanto no eido social como no da situación económica do Concello;
Acordan garantir a investidura na Alcaldía de Salceda de Caselas a MS condicionada ao compromiso, por escrito, de asumir por todas as partes as seguintes propostas: Primeira.- Demandas sociais: Dar resposta inmediata ás demandas sociais de melloras na atención a saúde e nos centros de ensino (dende o ensino infantil ao bacharelato); dada a condición de municipio con maiores taxas de natalidade e numerosa poboación infantil e mocidade, concretamente en: ✔ Sanidade.- Solución ás consultas de Pediatría / maior equipamento e recursos no Centro de Saúde. ✔ Ensino.
– Demandar á Xunta de Galicia as inversións necesarias nos centros educativos e executar as necesidades que xurdan no eido das competencias municipais. Segunda.- Política fiscal e de xestión dos recursos económicos:
1. Abordar revisión de taxas e impostos; en particular IBI e o relatorio de valores, con carácter xeral.
2. Transparencia na execución e absoluto cumprimento da lexislación de contratación.
3. Compromiso de eliminación de todo gasto impropio (ex. Publicidade; axudas / subvencións a entidades externas, etc.).
4. Limitación das contías de contratación directa: no caso de obra ata 10.000 euros e de servizos ata 5.000 euros, sempre que sexa posible; e, previo consenso da súa necesidade, poderanse exceder as limitacións sinaladas.
5. Compromiso de informar trimestralmente do grao de execución orzamentaria a través dun informe de intervención, no que dea conta da execución orzamentaria e da contía de crédito restante así como do volume de gastos e contratos realizados.
Terceira.- Servizos municipais.- Acabar coa privatización de servizos propios do Concello.
Cuarta.- Axuda no Fogar (SAF).- Abordar a situación laboral e analizar en que condicións se presta o servizo.
Quinta.- Continuar cos procesos de contratación e estabilización do persoal municipal.
Sexta.- Saneamento.- Comprometer o 25 % dos fondos de investimentos a proxectos e obras de saneamento.
Sétima.- Rede viaria propia: Estudar unha solución de circunvalación para O Barreiro e A Feira.
Oitava.- Rede de estradas autonómicas e provinciais: 1. Reivindicar solución definitiva ao cruce da Lagoela. 2. Esixir mellora da beirarrúa dende o cruce da Lagoela até o IES Pedra Rubias, na travesía de Parderrubias, na marxe esquerda en dirección a Tui, no tramo coincidente co actual paseo peonil e “ciclista”; mediante o acondicionamento da beirarrúa en superficie e a nivel da actual estrada.
3. Esixir a Deputación de Pontevedra a execución de sendas peonís de seguridade nas estradas EP2501 e EP2505. Novena.- Vivenda social.- Esixirlle á Xunta construción de vivendas socias nos terreos que dispón en Salceda, recuperando o Convenio asinado no 2008 coa Consellaría de Vivenda e na parcela do PERI do novo centro de saúde destinada a tal fin. Décima.- PXOM.- Impulso dos traballos para un plan xeral co compromiso de transparencia e participación de todas as organizacións políticas da corporación e sempre contando no proceso coa participación veciñal.
En consecuencia co exposto nos apartados que anteceden e de conformidade co seu contido, dan por formalizado o presente Acordo de Apoio á investidura na Alcaldía de Salceda de Caselas da candidata de Movemento Salceda (MS); a tal efecto asinan, en Salceda de Caselas, 16 de xuño do 2023.