Ourense | Lolita Suárez Bretaña, veciña do barrio de As Lagoas, recibiu, ao cumprir cen anos, a homenaxe dos veciños con quen convive desde hai medio século. Entregáronlle unhas flores e outros agasallos.
Unha das felicitacións especiais foi a do exalcalde Francisco Rodríguez, candidato socialista nas eleccións de maio de 2023 en cuxa lista Lolita Suárez figura como reserva número uno. Xa foi nese posto nas anteriores municipais do 2019, con Rafael Rodríguez Villarino como cabeza de lista.
Dores era filla do último alcalde republicano de Ourense, o socialista Manuel Suárez Castro, que foi fusilado no Campo de Aragón o 27 de xullo de 1937. A súa vida e a de toda a súa familia quedou marcada por aquel asasinato cando ela tiña 14 anos. E aínda que non se dedicou á vida política activa, “foi unha muller que sempre sentiu republicana e que estivo comprometida”, explica Xosé Lois Carrión, amigo da familia e fundador da asociación Amigos da República.
Días antes da homenaxe veciñal, celebrou unha comida en familia cos seus oito sobriños e un total de 34 familiares e achegados. Traballou, ata a súa xubilación, en Mutualidades Laborais e Previsión, (hoxe Instituto Nacional da Seguridade Social).
Lolita foi unha gran viaxeira. Ata fai cinco ou seis anos, saía con amigas ao estranxeiro ou por España, engade o seu sobriño, Manuel Suárez. Agora, o único que lle falla é a mobilidade que lle impide saír soa a pasear ou a comer como adoitaba facer, pero segue falando con todo o mundo e os seus veciños están encantados con ela.
Solteira e sen fillos (a única dos catro irmáns, tres xa falecidos, que non tivo descendencia) é a sobrevivente da súa xeración de amigos e testemuña dun século. Na foto Lolita Suárez con Francisco Rodríguez.