Pontevedra/Vigo | A mellora das infraestruturas entre as dúas cidades foi o máis destacado da visita institucional do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ao Concello de Vigo, onde foi recibido polo seu homólogo, Abel Caballero. Tal como fixeran na pasada visita a Pontevedra, ambos coincidiron que era un día “moi importante” para as relacións institucionais entre as dúas cidades.
Relacións institucionais que Lores recoñeceu que ían “por detrás das que establecen a cidadanía e a economía, que levan tempo indo por diante de nós”, aspecto que referendou Caballero coa declaración de que “entre Vigo e Pontevedra existe un clarísimo espazo común no que se comparten moitas cousas”.
A atrasada construción da autoestrada interior entre Pontevedra e o aeroporto, onde conecta coa rede periférica de Vigo, foi de novo destacada como a infraestrutura máis importante das que hai pendentes, co que, ademais de baixar ou eliminar a peaxe da AP9, gañaríase un itinerario alternativo norte-sur, capaz de eivar o paso por Rande cando a ponte presente problemas de conxestión ou anulación. Así ocorreu hai días no incendio dunha factoría conxeladora de Moaña, que obrigou a cortar o tráfico durante unha hora creando unha brutal conxestión.
O tren do Eixo Atlántico, para o que reclamaron máis frecuencias entre Vigo, Pontevedra e Vilagarcía, así como a construción da vía do Ave entre Vigo, Pontevedra e Ourense, foron obxecto das reclamacións relativas ao ferrocarril. Lores cifrou en aproximadamente 2.000 as persoas que se moven diariamente e por motivos laborais entre as dúas cidades, que poderían aproveitar moito máis a estupenda ubicación das estacións, no centro de cadansúa urbe.
Cultura, música e deporte de base foron outros temas dos que falaron, emprazando a que “de agora en diante serán máis frecuentes as reunións entre concelleiros de distintas parcelas”, ata chegar, en palabras de Caballero, a que “unha reunión dos dous alcaldes non levante tanta expectativa mediática”.