O Covelo | O Concello de Covelo quere contribuír á redución da pegada de CO2 e sumarse ao cambio polo planeta tal e como asumíu na sinatura do Pacto das Alcaldías polo clima.
No último mes, o Concello executou o proxecto “Mellora da eficiencia enerxética da instalación de iluminación interior do polideportivo municipal”, unha intervención na que o Concello investíu preto de vinte mil euros, 19,833,64€.
Concretamente o Concello cambiou 300 puntos de luz actuando nas gradas, pistas deportivas e vestiarios: 138 luces, 36 ollos de boi, 2 plafóns estancos, 24 proxectores, 58 tubos led e 42 focos led. Substituíndo as luces por tecnoloxía led conséguese unha redución tanto de emisións de CO2 como de residuos radioactivos.
Impacto ambiental positivo
Coa tecnoloxía led nun tramo de uso das instalacións de 16 a 21 horas catro días á semana podemos acadar un 40% de aforro enerxético. O aforro económico producirase tanto na parte variable da factura da luz como na parte fixa xa que esta tecnoloxía de baixo consumo permite tamén baixar a potencia contratada que pasa dos 15, 072KW contratados a 9,12KW.
A nova tecnoloxía led dura ata 10 veces máis e ten un acendido inmediato. Os 58 tubos leds que substitúen aos tubos fluorescentes tradicionais permiten un aforro do 80% da enerxía eléctrica. Outra das vantaxes é a eliminación do cebador que tamén consumía.
Todas as novas luces están deseñadas para iluminar espazos deportivos, segundo explica o alcalde, Pablo Castillo, que adianta que seguirán traballando nesta liña e intervindo nas instalacións e espazos públicos “porque dende o local tamén podemos contribuír a unha mellora global”. Ademais o alcalde salienta a importancia do aforro económico “xa que os xestores dos bens públicos debemos primar a eficacia e a eficiencia optimizando e maximizando todos os recursos, os cartos que se aforran poderán destinarse a seguir mellorando servizos e infraestruturas públicas”.