Lugo abrirá o luns o prazo para solicitar as 30 parcelas dos hortos urbanos do Parque dos Paxariños

As peticións poderán presentarse ata o 20 de febreiro no Rexistro Xeral do Concello. A previsión é que os adxudicatarios comecen a cultivar os terreos na primavera

lugo horta urbana

Lugo | A Xunta de Goberno deste mércores aprobou a convocatoria do procedemento para o outorgamento de autorizacións de usos dos hortos urbanos municipais. Deste xeito, o Goberno abrirá o luns o prazo para que todos aqueles veciños e veciñas interesados presenten unha solicitude para o uso das 30 parcelas acondicionadas polo Concello no Parque dos Paxariños como hortos urbanos, unha vez aprobada por unanimidade a ordenanza reguladora destes espazos. Será unha convocatoria por concorrencia competitiva para adxudicar a ocupación e uso temporal dos terreos.

O Voceiro Municipal, Miguel Fernández, quen enmarcou a creación destes hortos “no noso modelo de cidade: máis humana, sostible, social, en favor da recuperación de espazos públicos para uso público, e favorecendo a convivencia, as relacións sociais e a participación cidadá”; avanzou as bases que rexerán este procedemento.

O prazo de solicitude ábrese o luns coa publicación da convocatoria no Taboleiro de Edictos e na páxina web do Concello, e manterase aberto durante 15 días naturais, isto é, ata o 20 de febreiro. A previsión é que as persoas adxudicatarias poidan comezar a traballar os terreos de cara á primavera.

As persoas interesadas na adxudicación dos hortos urbanos deberán presentar a petición no Rexistro Xeral do Concello, no modelo normalizado de instancia que se facilitará ao efecto, ao que deben adxuntar unha fotocopia compulsada do DNI ou documento que legalmente o substituía, unha fotografía recente tamaño carné, unha declaración xurada ou certificado médico de capacidade física para a realización de labores agrarias, declaración xurada de que tanto o solicitante como o seu cónxuxe ou outros membros da unidade familiar non están en posesión doutra parcela de horto urbano no municipio e a documentación que acredite o cumprimento das condicións que se van valorar conforme aos criterios que se establecen na convocatoria.

Valoración

A valoración das peticións farase conforme ao seguinte baremo:

– Persoas desempregadas que non reciban ou tivesen esgotado a prestación e/ou subsidio por desemprego: 10 puntos

– Persoas desempregadas perceptoras de prestación ou subsidio por desemprego: 8 puntos

– Ter a persoa solicitante ao seu cargo algún integrante da unidade familiar con discapacidade psíquica ou física que o incapacite para o traballo: de 1 a 4 puntos segundo o grao de discapacidade.

– Familias monoparentais: pais ou nais con fillos menores ao seu cargo: 4 puntos, máis un por cada menor ao seu cargo.

– Vítimas de violencia de xénero ou no ámbito familiar: 4 puntos, que se incrementarán con outro máis por cada fillo ao seu cargo.

– Xubilados maiores de 65 anos: 2 puntos.

– Xubilados de entre 60 e 65 anos.

En caso de que dous ou máis solicitantes obteñan a mesma puntuación, para a formación da listaxe de adxudicación terase en conta a orde de entrada da solicitude no Rexistro Xeral do Concello. Esta listaxe exporase ao público a través do Taboleiro de Edictos e da web do Concello polo prazo de 10 días naturais, no que as persoas interesadas poderán reclamar se non están de acordo coa valoración realizada. Rematado este prazo e resoltas as reclamacións, no caso de recibirse, ditarase resolución definitiva dos adxudicatarios.

As persoas que non resulten beneficiarias pasarán a integrar unha bolsa de suplentes, que tamén se ordenará conforme á valoración acadada na fase de baremo, e que serán chamados en caso de renuncia ou perda do dereito de calquera das persoas adxudicatarias. Nesta bolsa de suplentes, ao final do listado, tamén entrarán as persoas que, aínda presentando as solicitudes fóra de prazo, reúnan os requisitos esixidos para ser adxudicatarios.

O Concello tratará de proporcionar a cada usuario unha superficie mínima de 30 metros cadrados. A duración das autorizacións será de dous anos vexetativos.

Mil metros de hortos

Os hortos urbanos que creou o Concello no Parque dos Paxariños teñen unha extensión total de 3.000 metros cadrados, dos cales se empregarán para o cultivo 1.085, distribuídos en 33 parcelas, e os restantes son zonas comúns: un aparcamento, unha caseta de madeira para apeiros e material, fontes de rega e mesas e bancos de uso público, todo, integrado no entorno.

Os hortos están destinados ao autoconsumo para favorecer os hábitos de vida saudables a través do cultivo de productos ecolóxicos.

O investimento que destinou o Concello para o acondicionamento dos hortos foi de 60.000€. Na actualidade, os traballos están rematados, a falta tan só de colocar setos perimetrais, os marcos das parcelas e os composteiros, o que se fará cando se adxudiquen.

Outros asuntos da Xunta de Goberno

Entre outros asuntos, na sesión celebrada este mércores concedeuse licenza para a rehabilitación dun edificio, instalación de ascensor e ampliación dunha planta e baixo cuberta vinculado á planta inferior, quedando definido como edificio de planta baixa, cinco plantas altas e baixo cuberta para 10 vivendas, na rúa San Roque, número 193. O orzamento é de 402.200 euros e o prazo de execución de 30 meses.

Así mesmo, tamén se aceptou a subvención outorgada pola Comisión Euopea para o proxecto Europe Direct, ao abeiro da convocatoria de propostas 2018-2020. Son un total de 25.840 euros para este ano co obxecto de ofrecer un servizo de promixidade, que lle permite á cidadanía obter información, asesoramento, axuda e respostas ás súas dúbidas sobre a lexislación, as políticas, os programas e as posibilidades de financiación da Unión Europea. Está ubicado no CEI-NODUS.