Lugo | Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, recibiu ao rexedor da cidade departamental, Ángel Mato, con motivo da conmemoración do Día do Ferrol, no marco dos festexos de San Froilán. A xornada comezou cunha recepción oficial na Casa do Concello á que tamén acudiu o portavoz do executivo ferrolán, Julián Reina.
O acto, que comezou cun minuto de silencio en memoria do policía local José Gómez Peña e do conselleiro Valeriano Martínez, foi organizado dende a máis estrita sobriedade, en sinal de respecto polos pasamentos.
Méndez dedicou as súas primeiras palabras a trasladarlle o pésame da Corporación á familia e compañeiros do axente e do conselleiro e desculpou a ausencia no evento do Partido Popular que mantén o loito oficial por este último.
Durante a recepción, a alcaldesa lembrou o inicio do irmandamento formal entre as dúas localidades hai dúas décadas, “oficializando un vínculo moito máis antigo que xa a historia dos nosos pobos testemuña como vilas de orixe loitadora, actualmente representadas co Castelo, no voso caso, e coa Muralla, no de Lugo, como símbolos identitarios que nos permiten recordar o pasado e os lazos que nos unen e que, sen dúbida, son a icona da afouteza e valentía das nosas xentes que tanto e tan ben o levan demostrado neste último ano e medio tan complexo que vivimos”, destacou Lara Méndez.
A rexedora aludiu, tamén, durante a súa intervención á defensa do municipalismo como clave da recuperación na etapa da postpandemia e reivindicou máis e mellores servizos, comunicacións e infraestruturas para “que as cidades poidamos seguir avanzando e resolvendo as necesidades e dificultades da veciñanza. Sempre no camiño do entendemento, engadiu, e coa colaboración institucional como ferramenta imprescindible”, afirmou.
Para finalizar o encontro, os mandatarios locais realizaron un intercambio de agasallos. Lara Méndez entregou a Ferrol unha acuarela da Praza do Ferrol, do autor Manuel López Guitar. E Ángel Mato a Lugo unha placa de metacrilato, tamaño folio, con imaxes de edificios do arquitecto Rodolfo Ucha, ao que a cidade de Ferrol dedicou este ano 2021.