Lugo | Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, recibíu ás autoridades procedentes de toda a comunidade que asistiron á Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento. Un acto organizado polo Concello que se inclúe dentro do oficio litúrxico que, dende hai máis de tres séculos se celebra na Catedral de Lugo, coincidindo co primeiro domingo posterior ao Corpus.
“Este 2021 o concello oferente foi o de A Coruña”
Este 2021 o concello oferente foi o de A Coruña en representación do cal acudíu o edil de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, quen aproveitou a súa estadía na capital para asinar no Libro de Honra.
Tamén estiveron presentes, entre outros, a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez; o delegado da Xunta, Javier Arias; o presidente da Deputación, José Tomé; os rexedores de Mondoñedo, Manuel Otero, e de Tui, Enrique Cabaleiro, así como representantes das administracións municipais de Santiago, Ourense e Betanzos, do resto de organismos provinciais e doutras institucións.
“A Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ten unha longa tradición local que data de 1672”
A Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ten unha longa tradición local que data de 1672. “Pola súa antigüidade se constitúe xa como outro dos patrimonios culturais e inmateriais de Lugo”, segundo destacou a rexedora.
“Unha cita ineludible para as persoas devotas, pero tamén para todas aquelas que se sinten atraídos pola riqueza da historia lucense e galega e polos valores artísticos que posuímos e que temos a grandísima fortuna de poder gozar nun mesmo enclave, coa Catedral como escenario, fronte á Muralla e en pleno traxecto do Camiño Primitivo o que dá boa conta da singularidade, riqueza e atractivo que ofrece Lugo”, concluíu a rexedora.