Lugo | A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, anunciou este luns que o Concello concorrerá a fondos da Unión Europea, en concreto do Fondo Social Europeo, dentro da convocatoria 2014-2020 e no marco do Programa Operativo de Fomento do Emprego, para desenvolver un novo plan de emprego, EmPodérate, cun investimento de 2M€ -o 80% achegado pola UE e o 20% pola entidade local- e 300 beneficiarios.
O plan, segundo explicou Ana Prieto, está dirixido especificamente aos veciños e veciñas en situación de maior vulnerabilidade para o mercado de traballo: parados de longa duración, mulleres, mozos e mozas, e minorías étnicas. “Este colectivo é o que máis nos preocupa no Concello e cara onde, diriximos as nosas accións, porque son os que peor o teñen para encontrar o seu primeiro posto de traballo ou para reisentarse laboralmente”, asegurou a Concelleira.
Esta nova iniciativa reforza os recursos propios destinados “a unha das nosas prioridades políticas, como é a creación de emprego, aínda non tendo as competencias, para o que destinamos máis de 3M€ nos Orzamentos deste ano”, e é froito do “continuo traballo para atraer investimentos doutras entidades que contribúan á inserción laboral dos veciños e veciñas de Lugo en situación de desemprego, a día de hoxe, 6.214”, argumentou a Concelleira.
Contidos
EmPodérate consta de 15 itinerarios formativos, con teoría e prácticas de entre 356 e 686 horas de duración total. En cada un poderán participar ata 15 persoas, aínda que algún deles repetirase dúas veces ata completar un total de 20 edicións, polo que o número de beneficiarios será de 300.
Todos os itinerarios inclúen 16 horas de titorías individualizadas para todos os participantes, enfocadas á orientación, axuda e acompañamento na busca de emprego e intermediación laboral. Tamén inclúen 40 horas de accións formativas transversais e complementarias, coas temáticas de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, igualdade de trato, non discriminación e loita contra a exclusión social, desenvolvemento sostible, respecto e coidado do medio ambiente, e busca de emprego e inserción. Así mesmo, contémplanse 5 xornadas informativas de 5 horas de duración, dirixidas á sensibilización dos participantes e a sociedade a través da información e intercambio de experiencias.
Itinerarios e xustificación
A selección dos 15 itinerarios formativos, subliñou Prieto, “está baseada nunha análise previa sobre os xacementos de emprego existentes no noso concello, é dicir, en que sectores existen máis posibilidades de encontrar traballo. Deste xeito, buscamos casar oferta e demanda”. As accións contempladas e a súa xustificación son as seguintes:
– Operacións básicas de Cociña
– Operacións básicas de Cátering
A hostalería é un dos sectores con maior perspectiva de creación de emprego, o que ten maior contratación no concello de Lugo e tamén un dos que consta un maior número de empresas.
– Gravación e tratamento de datos
O sector das actividades administrativas e servizos auxiliares é o segundo con maior contratación en Lugo e, ademais, a crecente necesidade de dixitalización de contidos fai esperar unha maior demanda de traballadores cualificados para estas tarefas.
– Socorrismo en instalacións acuáticas
– Socorrismo acuático en espazos naturais
Entre o colectivo de persoas menores de 30 anos, dúas das ocupacións con máis contratación son a de monitores de actividades recreativas e de entretemento e a de socorristas. Á hora de acceder a estes postos de traballo, é valorable e mesmo indispensable dispoñer dun certificado oficial como o que se prevé conseguir neste itinerario.
– Dinamización de actividades de tempo libre
O sector do turismo e o lecer é un dos máis importantes no concello, e en todo o país.
– Transporte sanitario
As ocupacións de condutores (tanto de camións como de furgonetas, automóbiles…) ocupan un gran volume de contratación, especialmente entre persoas de máis de 45 anos. Tamén son ocupacións que aparecen entre as que máis demandantes de emprego teñen dentro deste colectivo, polo que un certificado que lles permita traballar no transporte sanitario ampliará as súas opcións de inserción laboral, especialmente se se ten en conta que o envellecemento da poboación fai cada vez máis necesario este tipo de servizos.
– Actividades auxiliares de xardinería
– Instalación e mantemento de zonas verdes
A necesidade do mantemento de espazos axardinados nas zonas urbanas require da formación de cada vez máis persoas que poidan realizar as actividades requiridas.
– Pavimentación
A construcción segue sendo un dos sectores de maior creación de emprego. Supuxo máis de 1.300 contratos na comarca de Lugo entre maio de 2017 e abril de 2018. Ademais, a ocupación como peóns de obras públicas atópase entre aquelas nas que maior número de contratación hai para persoas maiores de 45 anos, colectivo no que se encontran case a metade dos desempregados de longa duración.
– Operacións auxiliares na industria alimentaria
As actividades relacionadas coa agricultura e a gandería teñen un gran peso en canto a número de empresas e persoa contratadas en Lugo, polo que unha parte importante da industria manufactureira está relacionada coa alimentación.
– Mantemento en electromecánica de vehículos
– Mantemento de elementos non estructurais en carrocerías
– Mantemento de estruturas de carrocerías
O terceiro sector con maior contratación en Lugo inclúe as actividades de reparación de vehículos de motor e motocicletas. Ademais, a cuarta ocupación máis demandada polos mozos de menos de 30 anos é a de mecánicos e axustadores de vehículos de motor, polo que o certificado de profesionalidade obtido a través deste itinerario os capacitará para a súa inserción laboral nestas actividades.
– Aplicación e manexo de sistemas aéreos non tripulados: RPAs ou drons.
Un dos mercados que máis están emerxendo dentro do sector tecnolóxico é este, o das aeronaves non tripuladas, polo tanto, a oferta de postos de traballos neste eido tamén aumenta.
A Concelleira de Economía recalcou que as todas as acción formativas están dirixidas á obtención dos certificados de profesionalidade que habiliten aos participantes para o desenvolvemento do traballo no que se prepararon. Durante a participación no curso, recibirán unha retribución económica, aínda por determinar, pero que non superará o 75% do IPREM, límite legal fixado.
De aprobalo o Fondo Social Europeo, decisión que está previsto que se produza despois do verán, este programa desenvolverase a tres anos, entre o 2019 e o 2021.
Continuidade
Ana Prieto afirmou que co plan EmPodérate “damos continuidade ás actuacións que en materia de formación para o emprego vimos desenvolvendo en apoio ás persoas con maiores dificultades de inserción dende hai anos a través de diversos proxectos, como Abrindo Camiños; Lugo, Cidade próxima; ou Lugo, Emprego activo, entre outros”. A día de hoxe, engadiu, “estamos desenvolvendo o plan Empregalia, financiado precisamente con fondos europeos, e do que se beneficiarán en total uns 105 mozos e mozas menores de 30 anos”. “Tamén temos en marcha o programa gratuíto de apoio ao emprendemento Inicia Coworking, en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), estamos rematando o obradoiro de emprego TIC Arqueolóxico, e está aberto o prazo para solicitar os 9 locais do barrio da Tinería no que creamos un viveiro de empresas a pé de rúa co fin de dinamizar social e economicamente esta zona, ao tempo que apoiamos aos emprendedores e emprendedoras”, sinalou.