Luis Álvarez Pousa, Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo

O xurado destaca a súa longa e intensa traxectoria profesional “como formador das primeiras promocións de xornalistas galegos

Ourense | O xurado do XXXIII Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo acordou conceder o galardón á traxectoria profesional ao xornalista ourensán Luis Álvarez Pousa, pola súa longa e intensa traxectoria profesional, aínda en activo, “como formador das primeiras promocións de xornalistas galegos, o seu compromiso co xornalismo cultural e a súa capacidade para xerar pensamento e debate na sociedade desde a revista Tempos Novos”.

Así o reflicte a acta do xurado, que estivo presidido polo vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández, e como vogais Emma Torres, decana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra; Ana Isabel Rodríguez, decana da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela; Silvia Viqueira, da Asociación de Xornalistas de Santiago, en representación da Federación de Asociacións de Periodistas de España (FAPE); e José Manuel Rubín en representación do Colexio de Xornalistas de Galicia, actuando como secretario o asesor do Gabinete de Comunicación da Deputación, Alberto Carnero.

O presidente da Deputación, Luís Menor, comunicou persoalmente esta decisión ao galardoado, expresando os seus parabéns por un “merecido recoñecemento a un labor tan necesario como complexo como é a defensa e promoción da cultura a través do xornalismo”.

O premio, que nesta edición inclúe unha dotación económica de 4.500 euros e placa de recoñecemento, será entregado no transcurso dun acto que organizará a Deputación de Ourense antes do remate do ano.

O xurado tamén acordou deixar deserta a concesión da Bolsa Xosé Aurelio Carracedo, cunha dotación de 3.000 euros, para o mellor expediente de entre os presentados ao certame polo estudantado ourensán que cursara o primeiro ano do grao en Xornalismo no sistema público universitario español, correspondente ao ano académico 2022-2023.

Impulsor do xornalismo cultural e mestre de profesionais
Luis Álvarez Pousa (Trasmiras, 1948) é un xornalista prototipo da evolución da profesión nas últimas décadas. O Seminario de Ourense foi o seu berce cultural, como tamén o de moitos outros destacados xornalistas do último cuarto do pasado século.

Licenciado en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid, ademais de Teoloxía pola Universidade Pontificia Comillas e doutor en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela, Álvarez Pousa iniciou a súa traxectoria profesional na delegación de La Voz de Galicia en Ourense, sendo ademais o primeiro cronista político deste xornal durante a Transición.

Á súa faceta xornalística súmase a súa traxectoria docente, formando parte do claustro de profesores que puxo en marcha a Facultade de Ciencias da Comunicación (Xornalismo) da USC, do que formou parte ata a súa xubilación en 2018.

A esta faceta engádese ademais a súa etapa, entre 1983 e 1985, como director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, período no que creou o Centro Dramático Galego. Participou nos consellos de redacción das revistas Tempo Exterior e Criterios e foi fundador das revistas Teima e Tempos Novos, desta última contribuíndo a manter 329 números consecutivos dunha edición mensual de información e opinión para o debate.
Ademais de membro do Consello Asesor do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, na Televisión de Galicia dirixiu e presentou Encontros, o primeiro debate na historia da TVG e o programa semanal Extramuros.

Xornadas de Cine
Creador das Xornadas do Cine en Ourense en 1973, xunto a Xosé Paz, ten escrito numerosas publicacións entre ensaio, obras colectivas e poesía.

Na súa traxectoria, agora recoñecida co Premio Xosé Aurelio Carracedo, tamén figuran outros galardóns como o Premio Café del Bolengo ao mellor labor de opinión na prensa (1993); Premio da Crítica (ensaio) polo libro A identidade fronte á rede (2000); Premio Atlántida do Gremi d’ Editors de Catalunya polo labor como xornalista cultural (2003); Premio de honra “Fernando Rey” outorgado pola Academia Galega do Audiovisual (2003); E Premio de honra “Marisa Soto” outorgado pola Asociación Profesional de Directores, Actores e Técnicos do Teatro Galego (2005). En 2023 recibiu o galardón de honra da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia por crear durante a súa etapa de director xeral de Cultura as primeiras bases dun programa de estruturación, planificación e desenvolvemento de políticas teatrais.

Nas fotos os membros do xurado e Luís Álvarez Pousa con Delfín Caseiro no Liceo de Ourense.