Luís Menor defende o proxecto económico presentado polo Goberno galego

“Ten apostas concretas e unha folla de ruta ben marcada para a provincia de Ourense”

Ourense | O presidente do Partido Popular de Ourense, Luís Menor Pérez, defende os orzamentos da Xunta de Galicia presentados este mediodía no Parlamento galego como un proxecto económico que reflicte “apostas concretas e unha folla de ruta ben marcada para a provincia de Ourense”, subliñando que se reflicten tanto os compromisos recollidos no documento “Compromiso pola Cidade de Ourense” como os acordos alcanzados no encontro que Luis Menor mantivo en Ourense a finais de xuño co presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Menor destaca que o documento recolle “proxectos estratéxicos para a provincia nos que vimos incidindo polo impacto positivo que van ter na provincia, na cidade e a súa área metropolitana”. Pero, con todo advertiu, “non só falamos de obras, senón duns orzamentos cun marcado carácter social que van repercutir na prestación de máis e mellores servizos á veciñanza de Ourense”, tanto familias como empresas.

Dos 1.749 millóns de euros destinados á provincia, o presidente dos populares ourensáns destacou os ámbitos rural, sanitario, industrial, educativo ou de vivenda, con partidas concretas que permitirán iniciar ou realizar proxectos xa definidos.

Así, puxo o foco na blindaxe dos investimentos en sanidade, manténdose compromisos relacionados co Plan Director do CHUO (27 M€); os centros de saúde de Muíños, A Rúa e Boborás (2,8 M€) ou o futuro Centro Integral de Saúde da capital (2,5 M€).

Menor Pérez valorou positivamente que se atendan as necesidades de solo empresarial en territorio ourensán, “un dos eixos estratéxicos deste partido e do Goberno provincial”, subliñando o notable esforzo inversor da Xunta no polígono de San Cibrao e na Tecnópole (10,2 M€) e as reservas de partidas económicas para solo no futuro parque empresarial do Carballiño e Maside e tamén para a área de Pereiro de Aguiar.

Excelente colaboración institucional
Celebrou Luís Menor que o proxecto de orzamentos demostre “a excelente liña de colaboración institucional coa Xunta”, palabras que referendou coa partida destinada, por exemplo, á modernización do regadío da Limia (1 M€), plan estratéxico no que tamén participa a Deputación de Ourense. Dotacións orzamentarias para afondar na prevención de lumes forestais, creación de pasteiros, atención ao sector vitivinícola como na Ribeira Sacra ou o Plan Camiña Rural (4,2M€) para melloras de vías de comunicación “falan ben ás claras que o rural, e máis en Ourense, está entre as prioridades do goberno de Galicia”.

O notable esforzo que vai realizar a Xunta na rehabilitación e construción de vivenda social (23 M€) é outra das liñas de actuación que destaca o presidente, “xusto nun momento de forte sensibilización da cidadanía”, así como tamén o 15,6 millóns que “ademais de permitir a ampliación de centros educativos tamén permitirán acreditar a excelencia no ámbito universitario como no Campus da Auga”.

Menor tamén referiuse ás iniciativas plasmadas no documento “Compromiso pola Cidade de Ourense”, asinado co presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, e que tamén teñen o seu reflexo nos orzamentos, “e que contribuirán a elevar ese 60 % de cumprimento entre medidas e proxectos en marcha ou xa realizados”. En conxunto, Luís Menor defende o proxectos de orzamentos da Xunta de Galicia para 2025 “como as contas que necesita Ourense, sexan investimentos pero sobre todo recursos para garantir o estado de benestar e as políticas sociais”.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.