O Barco de Valdeorras | Luís Menor Pérez, presidente da Deputación, desenvolveu unha xornada de traballo en Valdeorras en cuxa axenda de traballo figuraban cuestións relacionadas coas infraestruturas, os servizos e a cultura.
No Barco de Valdeorras e acompañado polo alcalde, Alfredo García, Luís Menor coñeceu os detalles do proxecto de mellora da rúa Elena Quiroga, que suporá a renovación das infraestruturas situadas na marxe esquerda, a pavimentación de beirarrúas en formigón e unha nova calzada. A próxima licitación das obras foi cualificada polo presidente provincial como unha “moi boa noticia, en tanto que é un exemplo do que supón a cooperación institucional, onde a Deputación aporta 100.000 euros e o Concello do Barco máis de 60.000 euros”.
O presidente provincial, que puxo en valor o “extraordinario clima de entendemento institucional”, destacou que a cooperación entre a Deputación e o Concello do Barco vaise reflectir no Plan de Cooperación, que permitirá máis investimentos e actuacións pois achéganse case 440.000 euros neste ano e un total de 1,7 millóns neste mandato, “colaboración que merece a veciñanza polo dinamismo dunha capital de comarca puxante”. Para Menor, trátase de responder á palabra dada “que non foi outra que vir ao Barco, estar coa súa xente e atender as demandas dos seus representantes”.
Talante e empatía
Pola súa banda, o alcalde do Barco, Alfredo García, subliñou o “talante e capacidade de empatía” do presidente provincial nunha etapa na que “todos os concellos contan e a Deputación conta con todos os concellos”.
García agradeceu a posta en marcha do Plan CooperOU porque “nos garante que desde o 1 de xaneiro contamos cun orzamento que podemos destinar ao que queiramos”. O rexedor adiantou que coa próxima modificación de crédito da Deputación “chegaranos tamén un orzamento importante de máis de 100.000 euros que, neste caso, dedicaremos a investimento”.
Fundación Florencio Delgado Gurriarán
Xa na sede na Deputación na Casa Grande de Viloira, Luis Menor mantivo un encontro cunha representación da directiva da Fundación Florencio Delgado Gurriarán, conformada por Aurelio Blanco, presidente do Instituto de Estudos Valdeorreses; Débora Álvarez, directora do proxecto de creación da fundación; e Miguel Batista, como membro do padroado.
O presidente provincial explicou que a fundación representa a unha figura de gran relevancia no ámbito cultural de Valdeorras, ao que se lle dedicou o Día das Letras Galegas en 2022. Os seus obxectivos, centrados na promoción da educación, na recuperación das tradicións e no respaldo ao rural “coinciden plenamente cos fins que temos na Deputación”, matizou Menor.
A entidade, a piques de iniciar a súa andaina oficial malia que leva anos funcionando como asociación, solicitou a colaboración institucional da Deputación. Precisamente, por concordar os obxectivos de ambos organismos, o presidente provincial manifestou que a Deputación colaborará activamente coa fundación.
Consorcio de Augas de Valdeorras
Tamén na sede valdeorresa, a axenda de traballo incluíu unha reunión do comité executivo do Consorcio de Augas de Valdeorras, “entidade pioneira e exemplar a imitar como modelo de prestación de servizos”, dixo Luís Menor.
Na convocatoria desta mañá e a proposta do Concello do Barco acordouse a elaboración de plans de actuación nos ámbitos de abastecemento e saneamento. Ademais, validáronse as propostas formuladas para as bolsas de persoal laboral, correspondentes aos oficios do propio consorcio nas súas distintas categorías.