Ourense | Luís Menor, presidente da Deputación, recibiu aos integrantes das agrupacións Fundación Ballet Folclórico de Nobsa (Colombia), Ballet Folk. Instituto Tecnológico de Celaya (México), Academia Andrés Valiente, Danzas y Proyecciones Folklóricas (Panamá), Kud Srem (Serbia), Ballet Jammu (Senegal) e Yuan Yuan Dance Group (Taiwán), participantes na 39ª edición das Xornadas de Folclore, que percorrerán a provincia ata o próximo 21 de agosto.
Menor enxalzou as Xornadas de Folclore como “todo un símbolo da programación cultural da provincia”, destacando que as súas 39 edicións contaron con 400 grupos e 15.000 artistas.
Tamén quixo facer referencia o presidente provincial ao carácter emigrante da provincia e o seu “xen da hospitalidade”, explicando que “a nosa xente soubo o que foi marchar a outros países para buscar un futuro mellor, e polo tanto sabemos o que é estar fóra da casa, que nos acollan noutros lugares e adaptarnos. Todo iso conformou a nosa base cultural e por elo apreciámosvos e valoramos o voso traballo”.
Esta cita co folclore de diversas partes do mundo está organizada pola Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, e conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e dos diferentes concellos que acollen este evento. Precisamente, o presidente provincial quixo transmitir o seu especial agradecemento a Xulio Fernández Senra e a Xavier Álvarez Campos, “os auténticos artífices das Xornadas. Sen o seu traballo, nada de isto sería posible”.