O Barco de Valdeorras | Luís Menor visitou o Barco de Valdeorras para presentar as súas propostas como candidato á presidencia do Partido Popular de Ourense no 19º Congreso provincial extraordinario que se celebrará o 13 de xullo no pavillón Paco Paz da capital. Ante os compromisarios da comarca valdeorresa, Menor pediu o apoio para un proxecto político “de proximidade, de porta a porta, coa ambición de lograr mellores resultados, máis gobernos e ser máis útiles á cidadanía”.
O candidato incidiu nos aspectos clave que desexa potenciar para conseguir ese obxectivo de partido próximo: maior atención á militancia, sedes abertas e reunir á familia popular nunha festa anual.
A dirección do partido, dixo, ten entre as súas responsabilidades coidar do militante e facerlle partícipe do traballo diario, poñendo en valor o labor desinteresado de interventores e apoderados que en cada proceso electoral representan ao Partido Popular ante as urnas.
Para facer partícipes do partido a cantas persoas así o desexen anunciou que creará un órgano específico de procura de novas afiliacións e de atención ao militante, órgano que haberá de ter un responsable en todas as agrupación locais da provincia.
Destacou que o Partido Popular de Ourense ten unha ampla rede de oficinas distribuídas por toda a provincia que deben converterse en espazos de encontro para os afiliados e a cidadanía en xeral. Ademais, as sedes situadas en vilas pasarían a ser instalacións comarcais, facilitando a reunión no caso de ser necesario de agrupacións locais que carecen de oficinas.
Menor lembrou o fito que supuxo nas eleccións autonómicas a concentración de preto de 5.000 persoas no mitin de peche de campaña no pavillón dos Remedios de Ourense. Un éxito da militancia que, agora, quere repetir todos os anos cunha xornada de confraternización que reúna a milleiros de militantes e simpatizantes nu punto emblemático da provincia, “unha imaxe que transmite fortaleza e unión fronte a outros partidos políticos, pero tamén ante a sociedade en xeral”.