Verín | O presidente dos populares ourensáns, Luís Menor, reclamou hoxe a reactivación da Eurocidade Chaves-Verín para fortalecer a colaboración entre a provincia de Ourense e o norte de Portugal, ofrecendo así novas oportunidades económicas e sociais para unha poboación de 60.000 persoas.
Menor Pérez lembrou que esta zona transfronteiriza de 700 quilómetros cadrados foi no 2013 a primeira en poñer en marcha unha iniciativa pioneira na península Ibérica, “coa que, en esencia, perseguíase sumar esforzos e ofrecer máis e mellores servizos de calidade e proxectos conxuntos a ourensáns e portugueses”.
Impulsada polo Partido Popular, apuntou Menor, a Eurocidade Chaves-Verín foi durante anos un exemplo para as políticas europeas de cooperación impulsadas a través dos fondos de cohesión, “ata o punto de que no ano 2015 recibiu o Premio RegioStars, que distinguen os proxectos regionais máis innovadores de Europa”.
Non obstante, lamentou o presidente do PP, este territorio común “está hoxe baixo mínimos porque os actuais gobernantes de Verín, a coalición PSOE e BNG, non cren na colaboración institucional e na cooperación económica, social, de servizos, deportiva e cultural cunha cidade portuguesa, separadas apenas por 20 quilómetros”. Luís Menor mesmo destacou que un dos importantes recursos que posúe a Eurocidade está nas augas mineromedicinais, o que podería converter a este territorio nunha potencia termal, “unha das nosas grandes apostas desde as institucións nas que gobernamos”.