Ourense | “Os feitos son dunha tremenda irresponsabilidade pois xa non soamente falamos da comisión dun delito, feito xa de por si grave, senón das consecuencia que podería ter tido”.
Con estas verbas se expresaba o actual portavoz municipal e candidato á Alcaldía polo BNG Luís Seara diante do incidente protagonizado polo actual presidente da Deputación de Ourense Manuel Baltar, sancionado o pasado domingo por circular pola A-52 a 215 qm por hora nun vehículo oficial.
Segundo Seara, “queremos advertir que baixo ningún concepto, o pago da sanción ou os gastos derivados da posíble responsabilidade penal que se lle puidera impór ou mesmo os derivados da súa defensa poden saír das arcas da Deputación”, e engade, “estamos diante dunha irresponsabilidade imputable única e exclusivamente a el e non á institución”.
Ao tempo, desde o BNG solicitanlle ao presidente da Deputación e do PP provincial que “facilite esa axenda institucional que di que tiña, xa que a día de hoxe non hai constancia de que a mesma existise nin para o domingo nin para o luns”.
Por último, Luís Seara reitera a gravidade dos feitos e reclama que Baltar “non se agoche, que non diga que foi un despiste, algo que resulta ser un insulto á intelixencia das persoas pois non estamos diante dun feito illado, como se pode acreditar. Reclamamos explicacións e que non que faga o que fai sempre que é dar a calada por resposta e non asumir ningunha responsabilidade”.
Sobre o uso do coche
Bernardo Varela, voceiro do grupo provincial do BNG na Deputación de Ourense, esixe expliacións ao presidente da deputación provincial de Ourense interceptado pola Guardia Civil a unha velocidade de 215 qm, nun coche público.
O voceiro nacionalista demanda do presidente provincial que en primeiro lugar explique que facía nun coche oficial da Deputación de Ourense pola A-52 un domingo pola tarde, “estes coches son para uso oficial, non para empregar en asustos persoais, polo que non pode facerse uso dun coche público para asuntos de partido ou particulares, demandamos pois a axenda que tiña prevista nese día certamente extraño para reunión de traballo” sinala Varela.
O uso de recursos públicos para beneficio persoal xa sería motivo máis que suficiente para esixir a dimisión dun cargo público canto máis esa conducta dá lugar a unha situación que en principio sería constitutiva de reproche penal. A partir das consecuencias que poidan derivarse da comparecencia que vai ter que facer no Xulgado correspondente e a xustificación que poda aportar a esta acción, pediremos as responsabilidades que se consideren oportunas, que lóxicamente poderían dar lugar á petición de dimisión, por unha conducta que ten todo menos a de ser exemplarizante como correspondería ao cargo que ostenta.