O retorno de Lula da Silva, desta a súa terceira vez á presidencia brasileira, implica definir un cambio histórico con tres retos ineludibles para o seu novo goberno. Retos que igualmente determinarán a andaina que lle agarda a Brasil, á primeira economía latinoamericana e un dos actores emerxentes a nivel global.
O primeiro reto será a reconstrución do diálogo nun país lastrado nos últimos anos por crises políticas e institucionais (“impeachment” contra Dilma Rousseff en 2016; “lawfare” viciado de revanchismos políticos nun xuízo que levou a Lula a prisión en 2018) ancladas polo discurso agresivo dun agora ex presidente Jair Bolsonaro e o “bolsonarismo” (49,1% dos votos), émulo do “trumpismo” á carioca que, ó mesmo tempo, se sabe politicamente consolidado: é a principal forza da dereita brasileira, é a opción maioritaria no Congreso, en boa parte do Senado e controla centros de poder a nivel nacional como São Paulo.
O silencio de Bolsonaro sobre os resultados electorais deste 30 de outubro deixa no ar incertezas que rememoran co sucedido en EE.UU en novembro de 2020 tralas eleccións presidenciais, nas que Trump acusou de fraude e negouse a aceptar a derrota e que levaron ao tristemente célebre asalto ao Capitolio en xaneiro de 2021.
“Restituír o diálogo e o equilibrio de poderes institucional será unha tarefa ardua para Lula e o seu novo goberno”
Similitudes aparte, restituír o diálogo e o equilibrio de poderes institucional será unha tarefa ardua para Lula e o seu novo goberno, toda vez o “bolsonarismo” (que pode trazar internamente os seus propios marcos de ‘sucesión’ en Flávio Bolsonario, fillo de Jair) non descartará as tentacións ‘sediciosas’ que lle abren os esquemas de polarización política.
O segundo reto será recompoñer os espazos da esquerda brasileira, abrindo a posibilidade dunha etapa “post-lulista“, curiosamente con Lula na presidencia. No seu discurso como novo presidente, Lula falou de estar no poder só catro anos. Por tanto, non se presentaría para a reelección en 2026. A mensaxe é clara e non se limita a factores biolóxicos (Lula ten actualmente 77 anos) senón da necesidade de procrear novos marcos de participación dentro das esquerdas brasileiras para adiar unha transición deste histórico liderado de Lula. En perspectiva, abrir o espazo a novas facianas e novas ideas que deberán aparecer ao calor dese proceso de transición que Lula, co seu talante dialogante e aperturista, seguramente propiciará.
O terceiro reto é o lugar do “novo Brasil” nun mundo de cambios de polos e paradigmas de poder, en medio de tensións que procrean a violencia. Cunha guerra en curso (Ucraína-OTAN contra Rusia) e tensións in crescendo (EE.UU e China), Lula deberá redefinir unha política exterior que, durante as súas dúas anteriores presidencias (2003-2011) colocou precisamente a Brasil como un faro emerxente do multilateralismo que permitía soñar que “outro mundo é posible”. Unha visión que Bolsonaro encargouse precisamente de reducir.
Un exemplo deste mundo de actores emerxentes foron os BRICS, hoxe “revitalizados” pola guerra ucraína na que China e India decantan unha posición moderadamente “prorrusa” e que Lula pode igualmente equilibrar. Durante a recente campaña electoral, e contrario á posición máis “proucraína” que finalmente amosou Bolsonaro (quizáis motivadas polas presións occidentais a pesares da súa inicial sintonía persoal e política con Putin) Lula chegou a criticar a Occidente e a Ucraína amosando unha posición máis favorable ao presidente ruso. Por certo, o retorno de Lula á presidencia o coloca xunto con Putin como os líderes ‘herdeiros’ deses BRICS que naceron en 2005. O chinés Xi Jinping e o indio Narendra Modi non estaban entón no poder.
Esta perspectiva implica igualmente observar como Lula acometerá o xiro ás esquerdas recentemente escenificado a nivel hemisférico (México, Arxentina, Bolivia, Chile, Colombia, Perú) pero que tamén cobrará relevancia na súa relación con outros gobernos da esquerda (Cuba, Venezuela, Nicaragua) en tensión permanente con EE.UU, os seus aliados e os organismos internacionais en materia de democracia, liberdade e dereitos humanos. Contrario á vocación reaccionaria de Bolsonaro, agárdase un xiro aperturista na política exterior de Lula así como na recuperación dos esquemas de integración plenamente latinoamericanos. Este contexto implica tamén un reto que porá en valor o talante de diálogo de Lula e a súa busca de equilibrios.
Estes tres tempos de Lula estarán igualmente mediatizados pola aguda polarización derivada da súa axustada vitoria electoral (50,9%) que ilustran un país politicamente dividido e fragmentado tanto a nivel interno como ante a incidencia das forzas reaccionarias dende o exterior. Lula terá así que acometer un “bolsonarismo” politicamente presente e un “Estado profundo” con lobbies poderosos e un espectro mediático no que a banalización informativa e os “fake news” condicionan en gran medida o debate político.
“O retorno de Lula. Tres tempos para un ‘novo Brasil’ que se balancea entre a esperanza e a polarización”
O retorno de Lula. Tres tempos para un ‘novo Brasil’ que se balancea entre a esperanza dos que cren que “ese mundo segue a ser posible” e os que apostan por unha polarización reaccionaria, a medio camiño entre o “patriotismo trumpista” e o “post-fascismo”, que cobra forza en ámbolos dous lados do Atlántico. Difíciles equilibrios para un Brasil que, de novo con Lula, abre outra etapa da súa historia.