Pontevedra | As cores e fragrancias das camelias engalanarán a Avenida Montero Ríos de Pontevedra e o Pazo provincial da Deputación os días 5 e 6 de marzo coa celebración da LVII edición do Concurso-Exposición Internacional da Camelia.
A presidenta, Carmela Silva, confirmou a volta deste certame tras o parón provocado pola Covid-19: “retomámolo ao grande, como se merece este grande evento, xa que a camelia é a flor de Galicia, particularmente a das Rías Baixas, e un recurso de carácter turístico sostible moi potente”.
A Deputación-organizadora este ano- inaugurará o certame o sábado 5 de marzo ás 17.30 horas no Pazo, que lucirá unha lona na súa balconada principal coa imaxe desta edición, e contará cunha gran carpa transparente e aberta no Paseo, de máis de 600 metros cadrados, que estará conectada mediante unha alfombra vermella ao edificio provincial.
O sábado a mostra poderá verse ata as 21.00 horas e o domingo 6 o seu horario de apertura será de 10.00 a 20.00 horas. Amais, ao carón da carpa, habilitarase un espazo con postos con produtos obtidos a partir da camelia como o té ou o aceite, que teñen grandes beneficios para a saúde humana, así como con un photocall natural no xardín situado entre o Pazo e o instituto.
A exposición será unha das poucas que se celebren este ano en torno á camelia, polo que acollerá ás mellores pezas. Así, o hall do Pazo Provincial converterase nun recuncho especial no que se exporán as camelias que competirán polo Premio Antonio Odriozola, as das persoas que queiran exhibir os seus cultivos sen participar no concurso, así como as das e dos menores de idade. O hall tamén acollerá as flores de Begoña Franco, premiada coa Camelia de Ouro no concurso-exposición celebrado en Vigo en 2020.
As gañadoras e gañadores do certame daranse a coñecer nun acto no que ser fará entrega dos 22 premios do concurso e que terá lugar o sábado ás 18.30 horas no Salón de Plenos do Pazo. Nesta sala outorgarase o Premio á Camelia de Ouro -a quen presente o conxunto de variedades máis destacado en canto a número e calidade das flores- e o Premio Especial Antonio Odriozola -á flor individual máis destacada- que consistirán en dous broches de ouro e prata elaborados en Vilagarcía por Manuel Nogueira Rapaiz.
Ademais, a persoa gañadora do Premio Especial da Sociedade Española da Camelia -á ou ao concursante “novel” máis destacado- e as e os gañadores dos restantes 19 premios de oito modalidades (como a presentación artística, a camelia reticulada ou a xaspeada) recibirán a figura dunha camelia a tamaño real de ferro repuxado e apoiada sobre unha superficie de madeira de camelia feita a man polo artista Jose Ortiz, de Ponte Caldelas. Con estes galardóns, a Deputación promove “a nosa artesanía e o noso talento”.
A programación desta 57 edición do Concurso-Exposición Internacional da Camelia complétase coa presentación o domingo 6 ás 12.30 horas do libro “As árbores notables na provincia de Pontevedra” escrito por Gaspar Bernárdez Villegas, Carmen Salinero, Ángeles Barros e Antonio Rigueiro.
O volume, do que a Deputación de Pontevedra está a editar mil exemplares e que será repartido entre as persoas que asistan ao acto, trata sobre 110 árbores especiais que pola súa idade ou singularidade poñen en valor o patrimonio vexetal de Pontevedra provincia.
Unha cita con historia
O Concurso-Exposición da Camelia naceu en 1965 da man da Deputación de Pontevedra sendo a día de hoxe o certame máis antigo en relación a esta flor. Dende entón celébrase de xeito anual rotando o seu emprazamento entre en Pontevedra, coa organización da institución provincial, Vigo e Vilagarcía, da man dos seus concellos, promovendo e difundido deste xeito o evento por toda a provincia. A cita contribúe dende a súa creación a popularizar o cultivo da camelia na provincia de Pontevedra así como en toda Galicia e é un punto de referencia para persoas cultivadoras e afeccionadas ao que incluso se achegan persoas de distintos países europeos.