O labor da musicoloxía, ao contrario do que di o noso imaxinario colectivo, vai moito máis alá do músico clásico que revive pezas esquecidas de séculos pasados, hoxe en día temos tamén unha vertente sociolóxica, buscamos comprender o papel da música nas sociedades. E cando chega o verán e vemos que comeza a etapa forte dos festivais é inevitable analizar o valor que aportan estes macroeventos á sociedade que queremos.
“Os festivais non son outra cousa que a máxima expresión do capitalismo”
Os festivais non son outra cousa que a máxima expresión do capitalismo. Os recursos que consumen gangrenan o tecido cultural preexistente, que non pode competir contra a voracidade do monstro, iniciativas xeralmente privadas que non se privan de fondos públicos.
Pero funcionan, e hai que preguntarse as razóns. O máis destacable sería para min o que Pine e Gilmore definiron como “economía da experiencia”. Estes eventos preséntanse como estrelas fugaces, unha única oportunidade para vivir o festival. Por se non fose pouco, todo nestes non-lugares provócanos un estado de excitación que facilita que se dean os agravios habituais do neoliberalismo máis agresivo: maratóns penúricos dos que saír expoliado económicamente, precarización dos músicos e das músicas, traballadoras explotadas… E tamén, por descontado, unha nula retribución e transferencia ao lugar utilizado, pois non se caracterizan pola cantidade e calidade das súas actividades de retorno. Nada disto, todo quede dito, é culpa do consumidor, que é obrigado a participar neste modelo cultural.
A listaxe das perversións dos festivais é case infinita, pero retomemos o ámbito cultural. As nosas linguaxes funcionan a través de dualidades, e fronte ao concepto de macro existe o concepto de micro. Este modelo non é outra cousa que unha cultura de proximidade, que permite a articulación de comunidades de formas máis sólidas e sas. Debemos reflexionar como sociedade sobre cal é o modelo de cultura que queremos no futuro, un para bailotear un día ao ano ou un máis sustentable no interior das nosas comunidades?