Madrileños e portugueses os que máis visitaron Ourense en 2023

De Latinoamérica chegaron cinco mil turistas e 22 de Luxemburgo

Ourense | O Instituto Nacional de Estadística (INE) acaba de publicar os datos definitivos de ocupación hostaleira do ano 2023, onde Ourense alcanza os 349.152 viaxeiros chegados nos doce meses. Son 8.415 máis que en 2022.

O verán foi a mellor tempada: só en agosto rexistráronse en Ourense máis de 43.000 viaxeiros, o 13% do total recibido en todo o ano. Sumando os meses de xuño a setembro, a estatística desvela que 143.451 turistas elixiron a provincia nos meses de calor, concentrando o 40% do total de viaxeiros que chegaron nun ano a Ourense.

Os visitantes de Castilla y León supoñen para o turismo ourensán o 6,23% do total de viaxeiros que entraron na provincia no último ano. A citada comunidade autónoma está no terceiro posto de procedencias de viaxeiros que escollen Ourense. Un 5,87% dos viaxeiros que pernoitaron en Ourense en 2023 eran de Andalucía. No caso de Madrid, os visitantes da capital española apenas varían no medio punto porcentual: dos 14,94% rexistrados en 2022 aos 14,49% que se anotaron ao peche de 2023.

En canto ao turismo internacional, Ourense gañou nun ano 4.000 viaxeiros máis do estranxeiro, ata superar os 40.000 turistas. A metade dos visitantes foráneos proceden de países da Unión Europea, cun claro peso do viaxeiro do país veciño: case 14.000 turistas estranxeiros que visitaron Ourense en 2023 procedían de Portugal.

Latinoamérica tamén afianza a súa presenza en Ourense: máis de 5.000 visitantes chegaron de países de América, excluíndo Estados Unidos. Luxemburgo é o país do que chega menos turismo: 22 viaxeiros en 2023. A estatística non desagrega os viaxeiros de países africanos, un conxunto do que se recibiron preto de 300 turistas. En canto á estancia media, é de 1,97 noites, superando as dúas noites no caso do turismo estranxeiro.

Na foto os cordobeses Ana, Guadalupe, Carlos e Pedro que estiveron en Ourense os días 6 e 7 de setembro de 2024 para asistir á voda dos seus amigos Rosa (de Sevilla) e Adrián (de Ourense).