O asilo político outorgado polo goberno de Pedro Sánchez ao candidato opositor venezolano Edmundo González Urrutia e a aprobación dunha iniciativa parlamentaria non de lei nin de carácter vinculante impulsada polo PP, VOX, PNV, CC e UPN na que o Congreso dos Deputados recoñece a lexitimidade presidencial de Urrutia e insta ao goberno a facer o mesmo evidencian en que medida Venezuela é un foco frecuente de tensión dentro da política española, unha variable igualmente determinada pola presenza dunha numerosa diáspora venezolana en España.
Deste xeito, Madrid convértese na capital do exilio venezolano. Ademáis de Urrutia están outros líderes opositores como Antonio Ledezma, Leopoldo López, Julio Borges e centos de activistas políticos. Pero non só falamos da oposición senón tamén de ex funcionarios dos gobernos de Hugo Chávez e de Nicolás Maduro, o controvertido e cuestionado actual presidente venezolano.
Toda vez Madrid, en boca do seu ministro de Exteriores Albares, nega calquera acordo político con Caracas para sacar do país a Urrutia, tanto o Fiscal Xeral venezolano Tarek William Saab e a vicepresidenta e ministra do Petróleo Delcy Rodríguez aseguran o contrario. Urrutia saiu da capital venezolana nun avión da Forza Aérea española. Un día despois do recoñecemento do Congreso español da lexitimidade presidencial de Urrutia, o presidente da Asemblea Nacional venezolana Jorge Rodríguez (irmán de Delcy) pediu a Maduro romper relacións diplomáticas, consulares e económicas con España. No país caribeño e venezolano existe unha notable diáspora hispana calculada en aproximadamente 50.000 persoas.
En ámbolos dous lados do Atlántico hai un nome que cobra relevancia dentro desta crise: José Luís Rodríguez Zapatero. En 2016 foi o artífice de acordos de negociación entre Maduro e a oposición que levaron a levantamentos parciais das sancións da UE contra Venezuela e liberación de presos políticos. Pero o contexto actual resulta moito máis delicado: existe unha especie de consenso internacional sobre un fraude electoral cometido nos comicios presidenciais venezolanos do pasado 28 de xullo (28X), no que o organismo electoral venezolano recoñeceu a vitoria electoral de Maduro por un 54% dos votos.
Dende entón as incertezas imperan en Venezuela. Máis de 3.000 detencións por protestas incrementan os indicios de represión e violacións de dereitos humanos por parte do réxime de Maduro, no poder desde 2013. A finais de setembro, a Corte Penal Internacional (CPI) deberá ditaminar unha nova fase de investigación sobre acusacións contra Maduro e altos cargos do seu goberno por crimes de lesa humanidade acaecidos no país desde 2017 coas protestas estudantís. O veredicto do CPI pode incrementar o clima de tensión xa existente.
Mentres en Caracas e as principais cidades venezolanas as protestas parecen minguar, outro nome cobra importancia: María Corina Machado, a incansable líder da oposición e quen fora inhabilitada en marzo pasado polas autoridades venezolanas para concorrer como candidata o pasado 28X. Moitos observan o asilo de Urrutia como unha derrota para Machado mentres a atención nacional e internacional están postos en cal será a súa estratexia, se “quentar” a rúa con protestas ou abrir espazos de negociación dentro dunha mediación internacional impulsada desde o 28X por Brasil, Colombia e México e que hoxe vese claramente opacada.
“Vese ás claras que o goberno de Sánchez busca impoñer a Zapatero como o novo líder da mediación en Venezuela”
Isto volve a levarnos a Zapatero, eloxiado polo PSOE durante a votación no Congreso dos Deputados como un adalide da negociación. Vese ás claras que o goberno de Sánchez busca impoñer a Zapatero como o novo líder da mediación en Venezuela por riba de Lula da Silva, con recentes encontronazos dialécticos e incluso diplomáticos con Maduro.
O encontro Urrutia-Sánchez na Moncloa tralo regreso deste de China pode determinar a intención do goberno español de non secundar a votación parlamentaria de recoñecemento oficial a Urrutia e instar a retomar a mediación agora con Zapatero como artífice. A oposición tanto en Venezuela como en España rexeitan esta posibilidade argumentando os presuntos negocios de Zapatero con réxime de Maduro, apuntando especialmente a súa sintonía persoal con Delcy Rodríguez.
En perspectiva, Maduro sae politicamente gañando afastando á oposición do centro de poder en Caracas, buscando neutralizala dende o exterior coa intención de levala á irrelevancia política e dilatando as críticas e os tempos políticos. Non obstante, as tensións diplomáticas implican unha escalada con riscos para a súa maltreita imaxe internacional. Sánchez gaña peso ofrecendo asilo a Urrutia mentres “vende” as bondades da mediación de Zapatero, vista por certo con bos ollos por parte de Maduro. Evitando disparar a tensión diplomática con Venezuela, A Moncloa aposta pola mediación de Zapatero como única alternativa viable. A pesar do seu carácter non vinculante, o PP logra unha vitoria parlamentaria en un momento complexo para Sánchez (aprobación dos Orzamentos do Estado; caso Begoña; novo goberno catalán) toda vez o propio Sánchez, o día en que Urrutia saia de Caracas e durante o Congreso do PSOE, instaba ao Parlamento español a ser “máis construtivo” e “menos restritivo”. E en Caracas o futuro de Machado e como acometerá a oposición esta nova etapa é agora toda unha incógnita.