Algún eco mediático tivo un feito bastante significativo acaecido durante a controvertida toma de posesión de Nicolás Maduro este 10 de xaneiro en Caracas. Recén chegado á Asemblea Nacional, o presidente nicaraguano Daniel Ortega (xunto co seu homólogo cubano Miguel Díaz-Canel o único presidente de goberno e de Estado que asistiu a un evento deslexitimado pola maior parte da comunidade internacional) apresurouse a realizar un sensible abrazo a Maduro unha vez este xurou o cargo.
Con matices, como ocorrera con Fidel Castro durante a toma de posesión de Hugo Chávez en 1999, o protagonismo de Ortega durante os actos de investidura de Maduro foi igualmente notorio. O abrazo de Ortega é significativo porque pode definir as directrices polas que transitará o réxime de Maduro neste novo período presidencial ata 2031.
Moitos teñen advertido da compatibilización en Caracas do sistema político instaurado en Managua tralo retorno de Ortega ao poder en 2007. Un sistema claramente autoritario, que busca neutralizar e afogar os espazos opositores e as disidencias propiciando o ascenso dunha oposición domesticada e dócil, fortalecido por unha nova oligarquía económica subsidiaria do poder, da complacencia e lealdade do estamento militar e da capacidade mobilizadora dun partido histórico (a Fronte Sandinista de Liberación Nacional, FSLN) que, non obstante, tamén ten observado divisións internas ante a hexemonía autoritaria “orteguista”. Características todas elas moi similares ás existentes dentro do réxime “madurista” predominante en Venezuela desde 2013.
“O abrazo de Ortega é significativo porque pode definir as directrices polas que transitará o réxime de Maduro neste novo período presidencial ata 2031”
Facendo das irregularidades e dun presunto fraude electoral unha ferramenta efectiva para manterse no poder (a pesar das esixencias da comunidade internacional o órgano electoral venezolano ata agora non presentou as actas definitivas dos comicios presidenciais de xullo pasado), Maduro pecha un círculo iniciado en 2015 cando a oposición retomou o control da Asemblea Nacional gañando as eleccións lexislativas. Dende entón Maduro e o establishment “chavista-madurista” ven fortalecendo un permanente fustigamento da oposición vía represión, tácticas detencións arbitrarias, presos políticos (moitos deles militares, o que define unha purga moi probablemente deseñada pola asesoría cubana) e ilegalización de candidaturas. Como en Nicaragua, na Venezuela de Maduro comeza a ser predominante a criminalización e ilegalización de ONGs e movementos cívicos disidentes adoptando unha vía libre cara a configuración dun sistema á carta. Este 2025 anuncia ata seis procesos electorais diferentes en Venezuela, destacando os comicios lexislativos e municipais e ata un posible referendo para cambiar á Constitución.
Por outra banda, a toma de posesión de Maduro evidencia o enésimo fracaso da oposición venezolana, incapaz de artellar unha estratexia efectiva alén dos apoios que poda obter da comunidade internacional. O exilio de varios líderes opositores, destacando o caso de Edmundo González Urrutia (quen probablemente tentará xuramentarse como presidente dende República Dominicana nun émulo do “guaidonazo” de xaneiro de 2019), neutraliza a capacidade de mobilización opositora dentro de Venezuela, agora cada vez máis dependente do accionar de María Corina Machado, cuxo futuro político pode verse igualmente condicionado polo exilio.
“A toma de posesión de Maduro evidencia o enésimo fracaso da oposición venezolana”
O fracaso opositor foi evidente ante a imposibilidade de cumprir o tan anunciado retorno de Urrutia a Caracas para asumir o cargo presidencial e o rocambolesco episodio da “detención-liberación” de Machado un día antes da toma de posesión de Maduro. Se ben se rexistraron algunhas protestas nas rúas venezolanas tampouco estas tiveron o impacto masivo de antaño, outro factor que certifica síntomas de cansanzo e incluso de certa “despolitización” dunha sociedade venezolana demasiado ocupada en sobrevivir á crise económica e adaptarse á dolarización de facto da súa economía. A nova oligarquía “madurista” no poder en Caracas evidencia unha especie de perestroika económica co respecto ao legado “chavista” pero non así no plano político.
Mentres a oposición volve a transitar polo deserto político toda vez repite ata a saciedade novas liñas de acción de dudosa efectividade (incluíndo un estrafalario intento de invasión exterior a Venezuela en mans dun contratista pro-Trump de nome Erick Prince), Maduro abre un período no que a sombra de ilexitimidade se cerne a nivel internacional pero que o fait accompli de observar como o seu poder segue aparentemente intacto será a dinámica e a tónica a seguir en Venezuela. Con matices pero non menos importante resulta o feito de que a economía venezolana está dando síntomas de certa recuperación ao igual que a súa industria petroleira comeza a normalizarse. En clave política, máis poder para Maduro.
Definido polo politólogo arxentino José Natanson como un “autoritarismo caótico”, Maduro empraza calquera tentativa de transición que non se acomode as súas esixencias. A súa será unha presidencia pret-à-porter, a súa medida, dependente de factores como a realpolitik e do asesoramento de poderosos aliados exteriores (China, Rusia, Irán, Turquía, India) e outros (Cuba, Nicaragua) con notable influencia en Caracas que lle permitan neutralizar as sancións e presións exteriores e o manto de ilexitimidade internacional a súa presidencia que incluso pode observarse no distanciamento e as críticas recibidas por Maduro de parte de teóricos aliados de esquerdas como Chile, Brasil, Colombia ou México.
Como Ortega, Maduro aposta pola perpetuidade no poder sen desestimar que a irresolución por consensos internos e externos da interminable crise política venezolana pode anunciar durante este novo período os canais dunha posible “sucesión-transición” pactada entre as grandes familias do poder, os Maduro-Flores, os Rodríguez e os Cabello. Un eventual escenario no que moi posiblemente o asesoramento do líder nicaraguano pode ser decisivo.