A histórica vitoria da esquerda nos comicios presidenciais de Colombia este 19 de xuño da man de Gustavo Petro aborda importantes cambios na política hemisférica. E un deles ten que ver co seu veciño, o presidente venezolano Nicolás Maduro.
“A nova era con Petro gobernando dende a Casa de Nariño implica diversas expectativas para Maduro”
A nova era con Petro gobernando dende a Casa de Nariño implica diversas expectativas para Maduro. A primeira, caberá a posibilidade dunha normalización das sempre tensas (e intermitentes) relacións entre Bogotá e Caracas, moi danadas nestas dúas décadas de predominio “chavista-madurista” en Venezuela e de “uribismo” en Colombia.
Petro moi seguramente propiciará esa normalización diplomática recoñecendo a lexitimidade presidencial de Maduro e recuperando a fluidez da relación bilateral vía intercambio de embaixadores. Esta perspectiva implica observar outra variable: o final da ficción do interinato presidencial de Juan Guaidó en Venezuela. Bogotá, xunto con Miami e Madrid, é un centro neurálxico da oposición venezolana e un coto político para Guaidó. Con Petro na presidencia, esa condición verase seriamente alterada, favorecendo a normalización de relacións entre Petro e Maduro.
En segundo lugar está o tema fronteirizo, condicionado pola riada de emigrantes venezolanos cara Colombia (estímase en case tres millóns de venezolanos nese país) ademais dos problemas de seguridade derivados do narcotráfico e das guerrillas e grupos paramilitares colombianos e venezolanos que constantemente controlan e traspasan a porosa fronteira entre ámbolos dous países.
Está por ver como Petro e Maduro manexarán este apartado clave para a seguridade bilateral fronteiriza, toda vez Petro causa preocupación en sectores opositores a tenor dos seus vínculos no pasado coas guerrillas colombianas. Por outro lado, Maduro (ao igual que o seu antecesor Chávez) ten sido acusado como presunto benefactor das guerrillas colombianas (en particular das FARC e do ELN) que atoparon refuxio nestes últimos anos en territorio venezolano. Precisamente, nos últimos meses estamos observando loitas intestinas entre estos diversos grupos insurxentes, paramilitares e organismos militares e de seguridade venezolanos.
“Un terceiro factor sería xeopolítico e ten que ver cos difíciles equilibrios que terá que manexar o novo presidente colombiano”
Un terceiro factor sería xeopolítico e ten que ver cos difíciles equilibrios que terá que manexar o novo presidente colombiano. A viraxe ás esquerdas progresistas que estamos observando no actual ciclo electoral latinoamericano (en particular o triunfo de Boric en Chile e a posibilidade do retorno de Lula á presidencia brasileira) implica para Petro unha reorientación dos imperativos xeopolíticos colombianos, ata agora moi vinculados con EEUU, especialmente en materia de loita antidrogas pero tamén como “dique seco” á hora de frear calquera expresión populista de esquerdas e “chavista” na rexión.
Así, é moi probable que asistamos a un maior distanciamento de Petro co respecto a Washington. Un dato: tras anunciarse o triunfo de Petro, renunciou ipso facto o embaixador colombiano en EEUU.
Toda vez esta reorientación xeopolítica de Petro se vertebraría en dúas liñas: cara o ‘eixe ALBA’ de Venezuela, Nicaragua e Cuba, recentemente defenestrado por Biden do Cumio das Américas; e tamén cara un novo eixe progresista “post-chavista” e “post-bolivariano”, co chileno Boric, o arxentino Alberto Fernández, o mexicano López Obrador e eventualmente Lula, ao que tamén cabería destacar Bolivia do MAS “post-Evo”.
Estes equilibrios xeopolíticos e das relacións exteriores de Petro estarán igualmente condicionados polo panorama político interno. A súa elección foi moi axustada (obtivo un 50,4% dos sufraxios na segunda volta electoral), o cal implica unha forte polarización e oposición tanto no Congreso como a nivel institucional, factores que poderían complicar a súa gobernabilidade. Toda vez, está por ver a relación de Petro coas Forzas Armadas colombianas, cuxo peso político incrementouse nestas dúas décadas de “uribismo” en Colombia. Durante a campaña electoral foron notorios os choques dialécticos de Petro co estamento militar.
“Maduro é o outro gañador das eleccións colombianas”
En perspectiva, Maduro é o outro gañador das eleccións colombianas. Con Petro na presidencia, o controvertido mandatario venezolano gaña un aliado que lle permitirá nivelar o equilibrio de forzas políticas a nivel hemisférico, particularmente de cara a amortecer a presión dende EEUU. Colombia sempre foi unha peza clave para o eixe “antichavista” a nivel rexional. Hoxe, con Petro no poder, ábrese unha nova etapa.