Tui | Máis 1.100 persoas participarán este sábado, 19 de agosto, no Descenso Internacional do Miño e no Descenso Popular que organiza o club Kaiak Tudense coa colaboración do Concello de Tui, entre outras institucións e entidades. Este eventos foron presentados esta mañá na rúa Olímpicos Tudenses.
O 52º Descenso Internacional do Miño incrementa a súa participación en case 100 deportistas con respecto a edición de 2022, e congregará a 558 deportistas de 48 clubs dos que 33 son de Galicia, 6 de Portugal, 2 de Arxentina, 3 de Madrid, 2 de Valladolid, 1 de Pamplona e 1 de Asturias. A saída será ás 18.30 h dende Salvaterra de Miño, e estímase que os primeiros en cruzar a liña de meta o fagan en aproximadamente unha hora. Entre os favoritos para a vitoria están no K1 senior Manuel Garaycoechea e Amaia Osaba; no K2 Iván Alonso e José Barreiro, Adria Prada e e Joaquín Iglesias na categoría masculina e Tania Fernández e Carmen Villar na feminina. No K2 mixto parten con opcións de subir ao máis alto do podio as parellas locais de Leticia Piña e Rubén Millán, e de Lucía Soutelo e David da Rocha, xunto a Cristina Franco e Rubén Franco. En canoa a nivel individual as favoritas son Claudia Couto, campioa do Mundo en C1 200, Ana Pereira, medallista no Mundial, xunto a Óscar Graña e Jaime Duro na categoría masculina e Diego Miguens e Fernando Busto no C2. A entrega de premios será ás 20 h.
Previamente, ás 16 h sairá dende a ribeira de Caldelas o Descenso Popular do Miño que acada a súa décimo segunda edición. Hai inscritas 550 persoas que nas súas piraguas encheran de corido o río Miño ao longo de 7 quilómetros até Tui. Para facilitar o transporte das persoas participantes haberá autobuses lanzadeira dende a rúa Tenencia, fronte ao Parador, onde haberá amais habilitada unha zona de aparcamento. Previamente dende ás 12 h na propia ribeira celebrarase a Romaría Popular.
A festa continuará na rúa Compostela a partir das 20 h con música e gastronomía na Festa Gastronómica.
Esta mañá na presentación da proba Ana Núñez, alcaldesa en funcións, amosou o orgullo da institución que representa por ser “un concello recoñecido nacional e internacional como referente no mundo do deporte, e en concreto no mundo do piragüismo”. Engadía que este é un deporte “tan significativo e tan ligado a nosa esencia” que dende os seus inicios ten dado colleitado grandes éxitos. Nese senso recoñecía o “gran traballo que desde o Club Kaiak Tudense veñen realizando” tanto na organización deste 52 Descenso Internacional do Miño, declarado Festa de Interese Turístico, senón tamén coma berce de grandísimos campións e campioas olímpicos, nacionais e internacionais”. Ao tempo reivindicou a presenza feminina no deporte e nos órganos de representación do deporte.
O concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, salientou que o Descenso é un evento moi consolidado que conta con gran implicación dos deportistas e éxito rotundo de participación. Mentres o seu homólogo de Salvaterra, Edgar Martínez indicaba que este evento achega ao deporte a todos podendo gozar do espazo natural no que se celebra.
O presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea, destacaba a ampla participación que rexistra este evento e convidaba ao público a gozar deste espectáculo deportivo. Mentres o xefe provincial de Deportes, Daniel Benavides, lembrou que o Kaiak Tudense é un club referente para a Secretaria Xeral para o Deporte, engadindo que Tui é un referente en combinar o deporte federado e o popular, e aludido a ampla participación prevista sinalaba que “falta pouco para chegar ao Sella”.
O deputado provincial de Cooperación Transfronteiriza e Relacións Institucionais, Roberto Carrero, referiuse ao Descenso coma un acto importante que constitúe un evento de promoción de toda a provincia e que brinda un espectáculo de primeiro nivel. O presidente do Kaiak Tudense, Diego Piña, repasou na súa intervención os datos deportivos deste eventos, agradecendo o apoio de todas as persoas e institucións que o fan posible e convidando á achegarse ao Miño para gozar destes Descensos.