Santiago de Compostela | O Pavillón Polideportivo de Santa Isabel acollerá este sábado 13 de febrero, a partir das 17:30 horas, o Campionato Galego de Grupos Show, nas modalidades de grupos xuvenís e cuartetos, organizado polo club compostelán Campus Stellae e pola Federación Galega de Patinaxe. Máis de 150 patinadoras e patinadores competirán no torneo.
A concelleira de Deporte, Noa Morales, presentou este campionato, que contará coa participación de 11 grupos xuvenís e 7 cuartetos. Na primeira das modalidades competirán dous clubs composteláns, o C.D. Fontiñas e o Club de Patinaxe Campus Stellae. En representación deste último, organizador do torneo, estiveron na rolda de prensa o seu presidente, Fernando López, e a súa adestradora, Paula Otero.
O prezo da entrada para os adultos é de 5 euros, mentres que os nenos de 6 a 12 anos deberán pagar 3 euros. Os menores de 6 anos entrarán de balde ao Pavillón de Santa Isabel.