Ourense | Son xa vintecinco artistas os que secundan a proposta de facer a súa imaxe da Virxe do Cristal, en diferentes estilos, técnicas, formatos e materias, para cubrir o baleiro que deixou no ano 2015 a morte violenta do cura de Vilanova dos Infantes, Adolfo Enríquez, e o roubo dunha das imaxes marianas máis pequenas do mundo (tan só cinco centímetros), do século XVII, cantada por Manuel Curros Enríquez e Xosé Luís Méndez Ferrín.
Aos once nomes de artístas avanzados en Vilanova (Celanova), a primeiros de mes, hai que engadir os de Luz Darriba, Ánxel Huete, Antón Pulido, Manuel Vidal, Baldo Ramos, María Manuela, Álvaro de la Vega, Pedro Ruíz Bofill, Leandro Sánchez, Alexandro e Xoaquín Balsa, ademáis da reproducción do óleo da Virxe do Cristal (1946) de Urbano Lugrís, facilitada por Abanca. Óleo sobre tabla, 50 x 50,5 centímetros.
Segundo a previsión, este verán poderase visitar a torre de homenaxe da fortaleza de Vilanova dos Infantes para contemplar a Virxe do Cristal, nunha gran diversidade de obras e estilos, asinadas por Manuel Buciños, Acisclo Manzano, Soledad Penalta, Xulia Ares, Xosé Cid, Ramón Conde, Xurxo Oro Claro, Francisco Xosé Pérez Porto, Martínez Coello, Baldomero Moreiras e Carmucha Vázquez Prats, ademais das últimas incorporacións citadas.
Permanecerán en Vilanova dos Infantes ate final de ano. Algunha das pezas tamén se poderá contemplar no santuario do Cristal, que celebra o seu día grande o 15 de setembro, coa procesión dos danzantes.