Mondariz | O Goberno local de Mondariz vén de facer balance dos programa formativos que se desenvolveron no pasado 2017 co obxectivo de mellorar a cualificación profesional, en materias de alta demanda no mercado laboral, das veciñas e veciños en situación de desemprego.
En total, nos 16 cursos desenvolvidos ao longo do ano, participaron un total de 257 persoas das que máis do 62% (161) eran mulleres. Dado que a meirande parte das actividades formativas estaban dirixidas a persoas desempregadas, estas foron maioría (233) un 90,6%, correspondendo o resto de participantes as actividades que tiñan como finalidade, mellorar a capacitación de traballadores e traballadoras en activo.
Entre abril e xuño, tiveron lugar un total de 7 cursos que foron os de Acompañante de transporte escolar, carretilleiro ou carretilleira, preparación de probas de ESO para adultos, informática básica, informática avanzada e manipulador de alimentos e alérxenos (dúas convocatorias). Nestas actividades formativas participaron un total de 125 persoas, na súa meirande parte (94,4%) desempregadas e na súa maioría mulleres (60,8%).
Entre novembro e decembro, impartíronse outros 9 cursos que foron os de Atención sociosanitaria e apoio psicosocial, Mozo/a de almacén, Monitor/a de comedor escolar, Primeros auxilios; Operario/a de automoción, Informática avanzada, Operario de ponte grúa e Manipulador de alimentos y alérgenos (dos convocatorias).
Nesta última quenda de cursos, participaron un total de 132 persoas das que 85 eran mulleres (64,3%) e 115 desempregados e desempregadas (87,1%).
Os alumnos e alumnas valoraron moi positivamente as materias impartidas así como a cualificación dos seus profesores e profesoras. Na mesma enquisa, o alumnado reclamaba “cursos máis longos” e máis medios audiovisuais para un mellor aproveitamento.
Doutra banda, no que fai referencia á valoración das instalacións, as cualificaban de “boas aínda que frías” dado que as instalacións eran temporais.
O alcalde de Mondariz, Xoán Carlos Montes Bugarín, amosaba a súa satisfacción polo éxito acadado polos cursos e se reafirmaba na necesidade “de seguir desenvolvendo estas actividades que permitan a inserción laboral dos nosos veciños e veciñas”.
O rexedor local apuntaba á formación “como unha das poucas competencias que os concellos temos en materia de emprego”, e reafirmaba o compromiso do seu Goberno “de seguir traballando en todo aquilo que poida supoñer mellorar a cualificación profesional da cidadanía e, por tanto, mellorar as súas posibilidades de atopar un traballo digno”.
Nese sentido, Xoán Carlos Montes chamaba a atención sobre os que, ao entender dos alumnos e alumnas, eran os cursos máis valorados “que foron calquera os de especialización que lles dea unha titulación que lles permita traballar e non só como formación complementaria”.