Salvaterra de Miño | Os primeiros días da II Ruta Pinchoterra superaron as cifras da pasada edición. En total entre os 25 locais participantes servíronse máis de 3.000 pinchos, esgotando en moitos sitios as existencias. Unha das claves do éxito desta ruta ademais da cantidade establecementos é a variedade de propostas gastronómicas tamén con opcións vexetarianas, veganas ou sen glute.
O Concello de Salvaterra de Miño valora a acollida da iniciativa gastronómica que pon de relevo o bo facer da nosa hostalaría e a calidade do produto ofertado, salientando que o público procedente do noso concello e doutros da zona encheu as rúas de Salvaterra de Miño durante a xornada do xoves e venres.
A II Ruta Pinchoterra ten lugar todos os xoves e venres do mes de abril e conta cun sorteo de 38 premios. Aquelas persoas que participen poderán gañar un primeiro premio de 200 euros, un segundo de 100 e un terceiro de 75 euros para consumir nos locais adheridos, 25 premios máis aportados polos establecementos e 10 Bonos para o Espazo Termal de Teáns-Oleiros.
Para participar cada consumidor deberá recoller o seu pasaporte nos locais adheridos e conseguir un total de 6 selos (6 pinchos diferentes), cubrir os seus datos persoais e contestar cal foi o seu pincho favorito. Toda a información referente á ruta como horarios, locais, ubicacións, pinchos e sorteos pode consultarse na web pinchoterra.concellodesalvaterra.com