Mos | Máis de 300 persoas participaron esta mañá na andaina contra a violencia de xénero organizada por Eu Rural en Mos baixo o título de ‘O rural contra a violencia de xénero’.
A encargada de ler o manifesto ao remate da andaina foi a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, que estivo acompañada polo tenente alcalde mosense, Camilo Augusto, pola concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, demais membros da Corporación Muncipal e o Subdirector de Agader (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural), Moisés Paradelo Blanco.
Eu Rural sumouse así á campaña ‘O rural contra a violencia de xénero’ coordinada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural co gallo do Día Mundial da eliminación da violencia contra a muller o vindeiro 25 de novembro. Fíxoo con esta andaina para todos os públicos que tivo un percorrido de 5 quilómetros de dificultade baixa con saída ás 10.30 horas dende o Pazo de Mos.
“Eu Rural sumouse así á campaña ‘O rural contra a violencia de xénero’ coordinada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural co gallo do Día Mundial da eliminación da violencia contra a muller o vindeiro 25 de novembro”
A ruta rematou no mesmo pazo coa actuación musical de Meigas Fóra, da Asociación Cultural Tangaraño, e con degustación de empanadas.
Eu Rural contou para esta actividade cun deseño propio do territorio cunha imaxe fortemente vinculada a todos os municipios que o integran. Eu Rural quixo agradecer o traballo e a implicación ao Concello de Mos e ao Pazo de Mos, pola colaboración co grupo de desenvolvemento.
Agader encargouse de coordinar aos 24 grupos de desenvolvemento rural que participaron nesta campaña, que conta coa colaboración da Consellería do Medio Rural, da Secretaría Xeral de Igualdade e da Axencia de Turismo de Galicia, e que se inscribe no acordo da Xunta para implementar as medidas propostas polo Pacto de Estado en materia de violencia de xénero.
O acto central da campaña foi esta andaina popular que implicou a miles de persoas do rural que o mesmo día á mesma hora camiñaron dende 24 puntos distintos do territorio galego para reclamar o fin a violencia machista e defender a igualdade.
Ademais, a través deste acto reivindicativo e simbólico, a Xunta de Galicia tamén quere poñer en valor as diferentes rutas de peregrinación do Camiño de Santiago, con motivo do Xacobeo 21-22. No caso de Mos, os 5 quilómetros da andaina transcorreron polo trazado do Camiño Portugués a Santiago de Compostela ao seu paso polo municipio.