O Porriño | O Parque do Cristo acolleu esta tarde o acto de inauguración da I Mostra da Camelia do Porriño, un evento que nace con vocación de continuidade e que conta coa participación de 45 expositores procedentes de Galicia e Portugal, converténdose nun dos últimos encontros desta tempada para os afeccionados á camelia.
A mostra, organizada polo Concello do Porriño coa colaboración da Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, celébrase durante esta fin de semana no corazón da vila, nun espazo ao aire libre que se transforma nun gran escaparate floral. Ademais de ser un punto de encontro entre expertos e público xeral, o evento ofrece actividades paralelas como catas de té e actuacións musicais tradicionais.
O acto inaugural, celebrado ás 17.00 horas deste sábado, contou coa presenza do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, o deputado provincial delegado da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, Javier Tourís, e o vicepresidente da Sociedade Española da Camelia, Antonio Luis Montes.
Durante a súa intervención, o rexedor porriñés, Alejandro Lorenzo, quixo poñer en valor a traxectoria e o novo impulso da mostra: “Esta mostra non parte de cero. Chega ao Parque do Cristo logo de dez anos de organización impecable por parte da Asociación San Salvador de Torneiros, á que lle agradecemos o seu compromiso e dedicación. Agora iniciamos unha nova etapa, coa vontade de consolidar este evento no corazón do Porriño”. A continuación, animou á cidadanía a achegarse ao evento e desfrutar da experiencia.
En representación da Deputación de Pontevedra, Javier Tourís, destacou o papel fundamental da investigación e da protección do patrimonio vexetal na promoción de cultivos coma a camelia. “Desde a Estación Fitopatolóxica traballamos pola sanidade vexetal e pola investigación e experimentación de cultivos como a camelia, cun enfoque que combina a excelencia científica coa defensa e conservación do noso patrimonio vexetal. Esta mostra é unha ocasión excelente para conectar todo ese coñecemento coa sociedade”.
Pola súa banda, Antonio Luis Montes puxo en valor o papel que xogan este tipo de eventos na divulgación e conservación da camelia como símbolo de Galicia: “A camelia é moito máis que unha flor; é parte do noso patrimonio. Ver a súa paixón estenderse por vilas como O Porriño é un sinal de que o movemento da camelia segue medrando con forza”. Ao acto asistiron tamén representantes institucionais e alcaldes de municipios limítrofes, entre eles a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, quen deixou patente a súa paixón pola camelia, unha flor que definiu como “parte da nosa identidade e da nosa paisaxe”.
Un dos momentos máis singulares da xornada foi a cata de tés, na que os asistentes puideron descubrir que, malia ser pouco coñecido, o té se prepara exclusivamente a partir de follas novas e gromos secos dunha camelia: a Camellia sinensis. Así, a partir dunha mesma planta obtense unha diversidade sorprendente, con máis de 3.000 sabores diferentes de té no mundo enteiro. Esta conexión entre ciencia, tradición e sabor foi destacada polos participantes como unha das grandes descubertas da mostra.
A música do grupo de gaitas Lumeirada puxo o broche cultural a unha tarde xa chea de recendo e beleza. A mostra continuará aberta ao público durante a xornada do domingo 13 de abril, en horario de 10.30 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas, ofrecendo unha nova oportunidade para desfrutar deste evento floral único que aspira a consolidarse no calendario da camelia galega.