Becerreá | As gandeirías lucenses inscribiron preto de mil vacas no Rexistro Definitivo do Libro Xenealóxico da Raza en 2021, o dobre que no 2019. Máis de 400 gandeirías benefícianse das axudas á promoción e potenciación da raza Rubia Galega da área de Medio Rural da Deputación de Lugo, cun importe total de 200.000 euros.
As achegas están vinculadas á inscrición das vacas reprodutoras no Rexistro Definitivo do Libro Xenealóxico da raza, un trámite que se realiza tras o primeiro parto do animal. Dacordo coas subvencións xestionadas pola área de Medio Rural, en 2021 as gandeirías lucenses inscribiron nese rexistro 983 vacas, fronte ás 656 de 2020, e ás 525 de 2019, anualidade na que se puxeron en marcha estas achegas.
A deputada de Medio Rural, Mar e Mocidade Mónica Freire, que asistiu a Poxa de Xovencas de raza Rubia Galega organizada por Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (ACRUGA) en Becerreá, fixo balance desta convocatoria “que nos achega datos que indican unha evolución positiva no censo de animais de Rubia Galega de gandeirías lucenses e polo tanto do fortalecemento desta raza autóctona, caracterizada pola súa adaptación ao territorio e aos manexos extensivos e tradicionais”.
Nesa liña, a responsábel provincial incidiu “na importancia da conservación das razas autóctonas para o desenvolvemento sustentable e a fixación de poboación nas zonas rurais e da promoción dos seus produtos, desenvolvendo políticas que garantan prezos dignos para os gandeiros e gandeiras”.