A Coruña | No Día Mundial da Educación Ambiental o Concello presenta a súa programación nesta materia para este ano 2022. Trátase dunha ambiciosa oferta relacionada coa concienciación ambiental no municipio.
Destínase tanto a escolares como a persoas adultas e desenvólvese nas aulas, nos centros cívicos, bibliotecas, asociacións veciñais, eco hortas, espazos abertos da nosa cidade e mesmo en espazos naturais dentro e fóra do municipio.
O programa municipal de educación ambiental ten como elementos máis destacados as actividades desenvolvidas nos centros educativos e entre diversos colectivos da Coruña, a concienciación ambiental nas praias na época estival, outras iniciativas complementarias como obradoiros e xornadas, a interacción con outras áreas do Goberno municipal e o fomento de boas prácticas nas redes sociais.
Estas actividades amosan o compromiso de Inés Rey coa educación ambiental, a conservación da cidade e os seus espazos e a transición ecolóxica cara un futuro máis verde e saudable para todas e todos os coruñeses. As/os escolares e persoas pertencentes a calquera colectivo da cidade poderán acceder ao plan de educación ambiental.
Nos distintos programas dispoñibles ofrécense unha gran variedade de módulos formados por unha charla, un taller e unha visita guiada a un lugar de interese na nosa cidade. Nas vindeiras datas os colexios e colectivos da cidade comezarán a recibir as propostas de datas para o desenvolvemento das actividades no seus centros.
Un total de 34 centros educativos da cidade e máis de 5.000 alumnos participarán neste programa durante a súa xornada lectiva. No caso dos colectivos, adaptarase a proposta as necesidades singulares de cada un. Traballarase en oito áreas diferenciadas por temática: Nota de Prensa 2 calidade ambiental (‘O aire que nos rodea’), ciclo da auga (‘A ruta da auga na Coruña’), economía circular, residuos e consumo (‘Os residuos urbanos na Coruña’), espazos verdes e biodiversidade (‘Vexo, vexo’), enerxía (a enerxía que move a miña cidade’), cambio climático (‘A Coruña contra o Cambio Climático’), mobilidade (‘Movemento sustentable’), respecto animal (‘A outra veciñanza’). Outras actividades Nas datas de verán, o programa de actividades en praias achegará á cidadanía o valor dos nosos areais como espazos con vida natural.
A importancia da preservación do medio litoral e mariño ocuparán esas xornadas nas praias de Riazor e Orzán. A oferta de actividades compleméntase con rutas para coñecer o litoral e os Espazos Naturais de Interese Local da nosa cidade ou a limpeza de areais como o de Bens. Haberá oito actividades diferentes, catro para todos os públicos, tres para o público infantil e unha para usuarios de campamentos. En total, serán 111 sesións ao longo dos meses de verán.
Como actividades complementarias haberá cursos, xornadas e obradoiros destinados a todos os grupos de idade, que abordarán temas candentes na actualidade ambiental. Especialistas e persoal técnico de diferentes áreas comparecerán ao longo do ano para formar, debater e informar á cidadanía nun talante e coñecementos ambientais superiores.
A celebración de días sinalados importantes para o Medio Ambiente, como o propio Día da Educación Ambiental, o Día do Medio Ambiente, ou a xa tradicional Hora do Planeta (en colaboración coa ONG WWF/Adena) contarán cun oco destacado na axenda municipal de eventos. Haberá eventos o Día Mundial dos Humidais (2 de febreiro), o Día Internacional dos Bosques ( 21 de marzo), a Hora do Planeta (30 de marzo), o Día Mundial da Biodiversidade (22 de mayo), o Día Mundial do Medio Ambiente (5 de xuño), o Día Internacional da Conservación do Solo (3 de xullo), a Semana Europea da Mobilidade (22 de setembro) e o Día Mundial das Aves (a primeira fin de semana de outubro).
Ademais, desde a Concellaría continuarase a colaborar en eventos municipais doutras áreas comprometidas con reducir a súa pegada ambiental na cidade. Xa é habitual a colaboración coa Concellaría de Mobilidade ou coas bibliotecas municipais no desenvolvemento de actividades comúns que achegan a cidadanía valores e coñecemento sobre o medio Nota de Prensa 3 ambiente en distintas datas do ano.
Por último, a web municipal da área reforzará os seus contidos en Redes Sociais para achegar a todas as persoas interesadas notas actualizadas informativas e formativas.