Tui | A San Silvestre Solidaria de Tui agarda bater un novo récord de participación, superando as 600 persoas participantes, na súa segunda edición o próximo sábado 31 de decembro. A proba foi presentada este mediodía na casa do concello de Tui.
A II San Silvestre foi presentada este mediodía na casa do concello de Tui polo alcalde do Concello de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, o concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, a presidenta, Cristina Piñeiro, e a vicepresidenta, Laura Solla, do Club Atletismo Tui, a delegada no Baixo Miño da Asociación Española Contra o Cancro, Pilar Barbosa, a traballadora social, Carmen González, e o xerente de COPLEGAL, unha das empresas colaboradora, Jesús Vaz.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, manifestou o seu agradecemento a todas as persoas que fan posible a celebración desta proba pola súa “participación e compromiso” nun evento lúdico-festivo-deportivo e cunha vertente solidaria. Nese senso quixo pór de manifesto o traballo que ao longo dos 365 días do ano realizan dende a AECC, entidade para a que serán as doazón recollidas na carreira. Enrique Cabaleiro reafirmou “o compromiso desta institución con todas as probas de carácter solidario”.
Rafael Estévez, concelleiro de Deportes de Tui, agradeceu a boa acollida que está a ter esta segunda edición da San Silvestre, amosando o seu convencemento en que se van superar as cifras de participación de 2022. Salientou coma a proba é “unha festa popular para que os nenos e nenas e as súas familias disfruten”. Tamén amosou o seu agradecemento ao Club Atletismo Tui, á AECC e ás empresas colaboradoras.
Laura Solla, do Club Atletismo Tui, salientou na súa intervención coma “Tui é unha cidade que vai co deporte, que se envorca co deporte”.
Indicou que a día de hoxe van xa 424 inscricións, polo que agardan superar as 600 persoas participantes, nunha proba sinxela de catro quilómetros que se poderá facer correndo ou andando, que será unha festa. Facía un chamamento para que o día da San Silvestre se acuda con suficiente antelación á recoller os dorsais, e tamén, por cuestións organizativas, non deixar a inscrición para o último día que será o xoves 28.
Pilar Barbosa, a delegada no Baixo Miño da AECC, sinalou que grazas a iniciativas coma estas poden seguir axudando a familias e persoas cunha enfermidade oncolóxica. Fixo amais un chamamento a sumarse á asociación coma voluntarios e voluntarias, un labor que dicía é moi gratificante, para o que as persoas interesadas poden contactar co 647 77 19 98.
A traballadora social do Concello de Tui, Carmen González, quixo tamén agradecer o seu traballo a todas as persoas os que se involucran nesta San Silvestre, e a Pilar Barbosa e á AECC pola axuda que prestan ás familias e persoas que están pasando por un proceso oncolóxico.
A II San Silvestre Solidaria de Tui “Correr e Andar” sairá o domingo, 31 de decembro, ás 10.30 h dende o Paseo da Corredoira para realizar un sinxelo percorrido de catro quilómetros polo centro urbano.
As persoas que desexen participar pódense inscribir até ás 22 do xoves 28 de decembro en https://clubatletismotui.wordpress.com/san-silvestre/.
Ao remate haberá rosca e chocolate quente para todas as persoas participantes, así coma 12 uvas, que se tomarán ás doce do mediodía na praza da Inmaculada.
Exposición “Re-construíndo os soños con ladrillos”
O Anexo da Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui acolle a exposición “Re-construíndo soños con ladrillos” unha mostra de maquetas e construción infantís realizadas por Luis Arias Rodríguez, veciño de Tui e membro da Asociación Exin Castillos y West.
Como sinala o propio maquetista, “co xoguete faise historia, dicía un anuncio dos anos 70 do pasado século, e nesta mostra cos ladrillos de Exin Castillos (de patente española) podemos construír e reconstruír soños, tanto dos nenos actuais como dos que, hai ano,s fomos nenos”.
Na exposición podemos contemplar maquetas con aventuras en castelos, cos Pitufos, con Shrek, con Lucky Luke, cos fortes do Oeste americano e mesmo a irredutible aldea gala de Asterix. Una escolma que nos permite xogar e imaxinar sen limites.
Completa a exposición diversas maquetas históricas de Tui: nesta caso a igrexa de San Bartolomeu de Rebordáns, un dos fitos patrimoniais tudenses, e as escavacións arqueolóxicas no seu subsolo, datadas nos últimos tempos do Imperio Romano e nos inicios da Alta Idade Media, ou a gran cruz monumental do monte Aloia, levantada pedra a pedra, no ano 1900.
Sonsoles Vicente Solla, concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, agradece o traballo de Luis Arias na montaxe desta exposición, que está convencida resultará de interese tanto para a rapazada tudense como para os adultos que evocaran os seus xogos e xoguetes de construción da súa infancia.
Esta mostra permite achegarnos ao mundo das construcións e os xogos con Exin Castillos, pero tamén a unha parte escolmada do patrimonio cultural tudense, a través das maquetas realizadas con habelencia por Luis Arias Rodríguez.
Esta exposición está aberta ata o 5 de xaneiro, de luns a venres de 9 a 14 h e de 15.30 a 20.30 h, e os sábados de 9 a 13 h.