Tui | Este próximo domingo, 30 de xuño, rematan as Rutas de Natureza organizadas polo Concello de Tui. Dende o mes de maio estes percorridos por distintos espazos naturais do municipio contaron cunha gran acollida xa que máis de 600 persoas participaron nestas actividades.
Realizáronse distintos percorridos pola beira do Miño, polas sendas do río Furnia e do río Tripes, polo roteiro da Pedra Santa e o río Lagartón, a senda botánica no Parque Natural Monte Aloia, pola fortaleza de Valença ou esta fin de semana polos xardíns históricos.
Esta iniciativa pecharase este próximo domingo cunha ruta ornitolóxica pola beira do Miño guiada pola bióloga experta en ornitoloxía Lorena Franco de Biophilia Axencia Ambiental. As persoas participantes terán a oportunidade de coñecer as aves que viven na ribeira do Miño, as súas características, o seu canto, … O punto de partida será a Lagoa de Caldelas, ás 10 h, para facer un percorrido pola beira do Miño en sentido Tui, que durará até ás 13 h, regresando ao punto de inicio.
As persoas interesadas en participar deben inscribirse na Oficina de Turismo no Paseo da Corredoira, no teléfono 677 41 84 05 ou no correo turismo@tui.gal. As prazas son limitadas. Recoméndase levar roupa axeitada e prismático no caso de dispor deles.
A concelleira de Turismo, Ana Núñez, salienta o alto interese que espertaron estas rutas de natureza nas que se logrou unha alta participación tanto de tudenses coma de persoas chegadas doutros municipios do sur da provincia de Pontevedra. Mesmo nalgunhas rutas, coma a realizada esta fin de semana, houbo persoas que quedaron en lista de agarda.
A concelleira Ana Núñez agradece esta magnifica acollida, ao tempo que salienta e amosa tamén o seu agradecemento aos guías do percorrido da Sociedade Española de Ornitoloxía e Biophilia, Xosé Martínez Tato, Cristián Lago e Suso Vila que acompañaron aos e ás participantes ao longo destes dous meses nos distintos percorridos, compartindo as características da ruta, os elementos destacados tanto de patrimonio material e inmaterial, as lendas e historias que rodean os distintos lugares.