As Neves | Máis de 800 deportistas de distintas modalidades competirán no abril deportivo das Neves, que coincide co mes da Feria do Requeixo e do Mel.
As probas foron presentadas onte no Concello polo alcalde, Xosé R. Méndez, o concelleiro de Deportes, Óscar González, acompañados dos representantes dos clubes organizadores das probas.
A primera das competicións será a Ruta BTT do Requesón, o 2 de abril, organizada por ACD Sanomedio con dificultade media alta, saída e chegada a praza percorrendo as ladeiras de Sanomedio e a Paradanta. Tamén inclúe unha ruta de sendeirismo de 12 quilómetros para acompañantes.
O sábado 8 e o domingo 9 serán as probas de andainas e do trail de montaña con dificultade alta. As andainas do sábado 8 serán de varias distancias 50, 27 e 13 quilómetros e trail de montaña do domingo 9 con modalidades de 39 e 21 quilómetros, levado a cabo polo Clube Cornelios.
Tamén ten lugar nese fin de semana o XIV Master Nacional de bádminton, organizado polo Clube de Badmitón As Neves, no pavillón municipal, cuns 150 participantes.
Ademáis no circuito de Taboexa celebraranse campionatos de Motocross. O Campionato Galego de Motocross será o domingo 16 e xa os días 29 e 30 as probas serán do Campionato de España de Motocross das categorias MX I e MX II, que reunirá aos mellores pilotos do panorama nacional e europeo.