Xunqueira de Espadanedo | O Consello da Xunta autorizou a tramitación de emerxencia das obras de reconstrucción do estribo da ponte da estrada OU-536, á altura do punto quilométrico 22+928, en Xunqueira de Espadanedo, que suporán un investimento autonómico de 2,38 M €.
O Goberno galego deu conta da tramitación de emerxencia para a reparación dos danos
desta ponte do século XIX que cruza o río Maceda. Os traballos están xa en execución e o
obxectivo é telos rematados este vindeiro mes de xullo.
O pasado 23 de febreiro, a Xunta pechou ao tráfico da ponte na OU-536 ao detectárense
danos nun dos estribos, o que provocou un posterior derrubamento dos muros de
acompañamento. Os técnicos viñan realizando un control e seguimento exhaustivo do estribo, que permitiu adoptar esta medida de anticipación, restrinxindo o paso do tráfico e evitando así riscos para os usuarios da estrada.
As avaliacións técnicas realizadas tras o derrubamento dos muros de acompañamento
da ponte, construída no século XIX e ampliada a principios dos anos 80 do pasado século,
evidenciaron a inestabilidade dos paramentos laterais destes muros a ambos os dous
lados da zona derrubada, así como a deformación nos tramos de muro lindeiros, que os
invalida para aproveitalos.
Como consecuencia do derrubamento tamén se viu afectada unha pequena instalación
de depuración de augas residuais que estaba situada próxima a un dos muros.
Unha vez avaliadas as patoloxías detectadas, e tendo en conta que a estabilidade e
capacidade resistente dos arcos da ponte non se viron afectadas, os traballos de
reconstrución da ponte céntranse na desmontaxe, consolidación e reconstrución in situ
dos muros empregando a mesma tipoloxía de cachotaría.
Os labores que se están a levar a cabo seguindo o plan de traballo trazado inclúen a
preparación dun camiño de acceso a ambos os dous lados do viaduto, pasando polo arco
esquerdo para acceder ao muro ao lado augas abaixo e a instalación de guindastre torre
nunha zona rochosa no lado augas arriba.