Monforte de Lemos | José Tomé Roca, alcalde de Monforte, ven de presentar unha nova inversión millonaria para a cidade e tal e como declarou “hoxe é un deses días moi positivos para Monforte porque presentamos o Proxecto Construtivo de melloras na rede de saneamento cunha inversión de 2.003.073,88. Tal e como afirmou José Tomé, “a inversión, xa fala por si sola, da importancia do proxecto das obras que se van a realizar”.
Con estes traballos, tal e como explicou o alcalde, vanse a subsanar as infiltracións que sobrecargan a rede e os alivios de augas residuais e abórdase tamén nesta mesma actuación, a mellora da rede de saneamento de varias rúas , por estar en mal estado na maioría dos tramos, causando un funcionamento deficiente.
O 29 de xuño de 2020 aprobárase un convenio entre a CHMS e o Concello de Monforte de Lemos, para financiar a redacción dun estudo de alternativas para a mellora integral do saneamento e depuración da rede de Monforte e tamén para financiar a II Fase das obras de mellora de saneamento urbano. O importe total do convenio era de 2.400.000 €, aportando a Confederación Hidrográfica Miño-Sil o 80% e o Concello o 20%. Deste montante, 400.000 estaban destinados a facer un estudo integral da rede de saneamento, e que xa está rematado polo Ministerio de Transición Ecolóxica.
As actuacións estarán cofinanciados pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil que aportará o 80% da inversión, é decir, 1.602.459,10 e polo Concello con unha porcentaxe do 20%, que supón a cantidade de 400.614,78€. Este proxecto ven a continuar coa labor de mellora no mal estado da rede de saneamento de Monforte, despois das melloras realizadas nas rúas Santa Clara, A Veiga, Chantada, Juan Montes e Padre Feijoó.
A inversión total nestes 3 últimos anos foi de case 4.000.000 € co obxectivo de mellorar o mal estado da rede secundaria, a eliminación de infiltracións e das entradas incontroladas de augas limpas que producen saturación na EDAR, así como a mellora da rede xeral que co desdobramento garantirá que a cidade non poida quedarse sen subministro de auga.
O alcalde amosouse “satisfeito de poder presentar estes avances tan importantes na rede de subministro que considera de vital importancia para a cidade e que os cidadáns levan esperando dende fai moitos anos”.
“Temos que lembrar que xa a Xunta de Galiza no ano 2013 emitiu un estudo demoledor no que se sinalaban graves problemas na rede. Pese a todo, esta, seguiu sen arranxarse e dez anos despois, faise un gran esforzo tanto económico como loxístico, para mellorar de forma moi significativa a rede de distribución da auga”.
Tomé, orgulloso da xestión e convencido das melloras que aportarán estes proxectos tanto a nivel medioambiental como na calidade da vida dos monfortinos, asegurou que “é a primeira vez na historia da cidade, que se acomete un plan de acción desta envergadura e importancia”, e amosouse “tremendamente satisfeito de poder aportar as solucións aos problemas de subministro que tantas veces reclamou cando aínda non estaba no goberno”.