A celebre frase emitíaa don Groucho para reclamar dos seus irmáns pitolas de leña para mover a locomotora na que facían asneiradas polo Oeste. É a guerra, traede máis madeira! berraba co xaruto entre os dentes, mentres Harpo e Chico esnaquizaban asentos, paredes e teitos de vagóns. Un neomarxista de pro como Pedro Sánchez non ten empacho algún en seguir a senda dos seus ideólogos e alimentar, mentres fique madeira, o queimador da estartelada locomotora.
O que ninguén lle pode cuestionar é a súa capacidade de supervivencia. Xa resucitou en dúas ocasións. Primeiro no partido. Despois no goberno. Agora pretende o máis difícil, facelo unha terceira vez. Será único, non xa na historia humana senón mesmo na divina.
Podía rematar a lexislatura. Os orzamentos prorróganse. Ante os que queren queimalo na propia casa, os que reparten leña no Tribunal Supremo e os pirómanos da Praza de Colón, don Pedro non se arredou e veña, mais madeira!. Eleccións o 28 de abril.
Os superviventes sono por medorentos. Don Pedro éo, non se atreveu a poñelas o 14 con toda a súa forza emblemática, o cal non quere dicir que a celebración deste 88 aniversario da proclamación da II República non vaia ter unha potencia simbólica e mobilizadora de dimensións impredicibeis ante a ameaza da dereita trifálica. Como tampouco tivo a afouteza para facer outra cousa que subliñar a bondade do diálogo cos idependentistas cataláns, cando todo o mundo sabía que só era para falar por non estar calado. Medroso como é nin ousou convocar o superdomingo, porque os seus, os baróns, como lle din, non lle deixaron. O señor de Abelgrado o primeiro. Pero púxollas antes para comprometelos. Ou eu, ou a Triple Alianza, argumentará.
Así que máis madeira. A votar, despois de 15 días de campaña electoral, o 28 de abril. A votar, despois doutros 15 días de orneante publicidade, o 26 de maio e con tripla papeleta, algúns: europea, autonómica e local. Ata setembro as institucións paradas, sen ninguén que tome decisións, coa ameaza de fatiga cidadá nun ambiente que os patriotas españois tensan de forma perigosamente irresponsábel.
Neste caótico remexido, don Pedro xoga a ser o máis votado,recuncando na presidencia e permitindo a terceira resurrección. Daquela ninguén lle poderá tusir. Agás os independentistas cataláns que o teñen claro, e os nacionalistas vascos que tamén. Estes na súa pouquidade numérica. Aqueles cun Junqueras convertido en único líder independentista, disposto a pasar anos na cadea ata que Estrasburgo condene o estado español e a pacífica derrota xurídica e política o obrigue a procurar un acordo a medio prazo que supoña o recoñecemento xurídico de Cataluña como nación.
Os dirixidos dende Madrid teñen tamén o seu xogo. A hipotética emerxencia de Vox arrastrou o PP cara á dereita máis extrema e deixoulle un espectro máis moderado a Cidadáns, agás no seu extremismo pola cuestión catalá, pero en disputa electoral co sanchismo, en especial despois do gran erro de Rivera admitindo a foto de Colón e a súa negativa ao pacto co PSOE arrástrano tamén cara a dereita extrema. Moitos competidores para un espazo, como todos, limitado. A desfeita de Podemos, arrastrado pola impericia dos seus dirixentes, o seu patriotismo español, os xestos sociais do sanchismo e os medios que antes os elevaron, orientan os seus votantes cara ao utilitarismo ou o desencanto.
E nós que? Pois máis madeira!. É evidente que o noso sistema de representación segue sendo propio. Semella que a versión feijoniana do fraguismo pode coutar a emerxencia de Vox como fixo ata o de agora con Ciudadanos. Haberá que velo. O resto a repartirse entre tres ou catro. O sanchismo limitado, o BNG incapaz e Podemos querendo apropiarse dun espazo no que se baten con castrexa resistencia os irmandiños. As mostras de sentido común son ben escasas e o fraccionamento do xa de por si reducido espazo pode deixar moitos cadáveres políticos antes do verán.
Nas locais, candidaturas a eito, como os choupíns no outono. Cada un ao seu.
No Senado, serían quen os partidos de abrir unha raioliña de esperanza e concertar unha candidatura democrática e galeguista para facerlle fronte a unha hipotética alianza da dereita trifálica? Aínda que só sexa para unha defensa resistente do actual estado autonómico e impedir a redución de Galicia a “una región mas”e impedir que o 155 e a súa xeralización. Alguén debería abrir esa xanela e que PSOE, BNG, Podemos e En Marea respondesen. Seguro que persoas de probada traxectoria democrática e capacidade non se negaban a botar unha man.
En fin… o escepticismo galaico é unha sensata forma de estar no mundo.