Ourense | No Pleno de debate dos orzamentos da Deputación de Ourense para 2025, o grupo provincial socialista acadou o compromiso do grupo de goberno para dotar con alomenos tres millóns de euros suplementarios o Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos Municipais (CooperOU) na modificación de crédito a realizar no próximo mes de febreiro.
“Malia as carencias e eivas que identificamos na proposta orzamentaria, os socialistas imos ser coherentes e manter a dinámica construtiva e propositiva iniciada neste mandato para chegar a acordos con vistas a mellorar as condicións dos concellos e da veciñanza”, subliñou o voceiro do PSdeG-PSOE na corporación provincial, Álvaro Vila. Logo de constatar a obriga adquirida polo Grupo Popular, xustificaba así Vila a abstención do seu grupo aos orzamentos, que foron aprobados.
Amais dos recursos suplementarios a repartir entre os municipios da provincia segundo criterios obxectivos, durante o debate os socialistas tamén lograron o compromiso do PP para dotar con 500.000 euros o Plan de compra e rehabilitación de vivendas para aluguer ou uso social e 250.000 euros a repartir entre os cinco concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes que contan cun conservatorio profesional de música (O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Ribadavia, Xinzo de Limia e Verín).
Doutra banda, nas conclusións do debate orzamentario, o presidente da Deputación, Luís Menor, aceptou poñer en marcha un estudo para a integración do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) no seo da Deputación de Ourense. “Cumprindo así cos puntos de acordo da moción socialista que recibiu o voto favorable da maioría das deputadas e deputados desta corporación no pleno de outubro de 2024”, destacou Vila.