Ramón Reimunde é o presidente de PROMAGAL, Produtores de Madeira de Galicia. Unha asociación que tenta unir a pequenos e medianos produtores forestais para defenderen os seus intereses fronte ao que consideran unha política de prezos arbitraria por parte da industria pasteira. Por outra parte, para PROMAGAL a mellor defensa contra os incendios é unha xestión do monte que implique tanto a propietarios e propietarias, como á mesma industria do papel e ás autoridades. Isto necesitaría dunha nova visión e actitude fronte o actual sistema produtivo madeireiro, como subvencións para a limpeza do monte, creación de corta lumes e investimentos en infraestruturas que valoricen e revaloricen a silvicultura.
A explotación do eucalipto é polémica desde que se plantaron as primeiras áreas para consumo das papeleiras. As voces que están en contra desta árbore levan décadas pedindo a erradicación total desta planta. Acúsana mesmo de favorecer só aos intereses neoliberais que buscan eliminar outros cultivos a favor do eucalipto.
O neoliberalismo inclúe empresas cunha maneira de actuar determinada, e isto provoca que quen protesta vaia directamente á fonte, á materia prima. Eu diríalles a quen está en contra da plantación de eucalipto que sexan prudentes, da mesma maneira que en Jaén non se pode dicir oliveira non. Isto é moi complexo.
PROMAGAL é unha asociación de pequenos e medianos produtores e produtoras que inclúe toda a costa norte de Galicia. Cales foron as ideas detrás desta asociación?
Promagal nace entre o 2005 e 2006 nun momento no que o prezo da madeira era baixo e cos propietarios desunidos e desinformados. A idea que se espuxo foi crear asociacións locais en cada concello, con produtores concienciados para, por exemplo, facer unha venda de madeira en común, conseguir dereitos e melloras ou xuntarse para plantar e facer traballos en común. Nun ano estas asociacións espalláronse moi axiña, desde Ribadeo a Ferrol con trinta asociacións. Ata o ano 2010 mantivéronse unidas mediante o uso dos estatutos, pagamento de 5€ por socio e todo iso para manter a actividade de PROMAGAL. Logo foron cada unha polo seu lado, con diverso resultado. Hai algunhas con setecentos ou con mil socios. Pero o normal é ter cento e pico. Logo houbo outras que se disgregaron dependendo dos directivos que tiñan. Algúns deles o que querían era quedar como persoas con influencia na súa zona. O que buscamos agora é darlle volta á cousa e poñelas a funcionar. A idea era que se fixese un couto redondo, cun grupo de propietarios vendendo ao mesmo tempo e coa mesma empresa. Os prezos que tiveron desta maneira non os terían doutra.
E toda esa mala fama do eucalipto como árbore pirófita? Como elemento que deixa residuo altamente inflamábel no chan e como planta que consume unha grande cantidade de auga?
Na natureza non hai árbores boas e malas. Todas son boas en xeral. O eucalipto veu de fóra e porque tiña mercado, tiña prezo e unhas grandes medras, hai concellos con 350 toneladas por hectárea cada quince ou vinte anos. A iso sacábaselle unha rendibilidade que a día de hoxe pode ser 9000€ por hectárea cada dezaoito anos, por exemplo. Produciuse entón un efecto imitación entre quen plantou. Por outra parte, penso que moitas voces contrarias ao eucalipto sono polo efecto de crear riqueza. Por tanto, nunha zona que é un eucaliptal como a que vai de Ribadeo a Ferrol, a paisaxe é uniforme. Non é unha paisaxe tan bonita e biodiversa como unha fraga, pero debaixo do eucalipto medran carballos, castiñeiros, toxo, felgos ou esvedro. Os eucaliptais tratados adecuadamente son montes como outro calquera. Pero a maioría dos casos son montes que desde a súa plantación ata a corta, non se lles toca. A mala prensa viría polo feito de ser un monocultivo contrario á biodiversidade.
Pero estase a plantar en moitos lugares onde había outras especies, mesmo sen reparar na súa repercusión.
Hai que ter en conta onde se planta, é certo. As mesmas doenzas do eucalipto como o goníptero, come as follas e a árbore non respira. Por que esa planta foi colocada nun lugar onde non lle corresponde. Por iso agora están a substituir o eucalipto globulus polo eucalipto nitens. As pragas indican onde é acaído plantar ou non. Por outra parte, habería que delimitar os lugares onde plantar. Non se podería plantar ao pé das casas, dos ríos, das fontes, das vías de comunicación ou estruturas. Outra cousa serían os lugares nos que nunca houbo nada, como montes altos, onde si podería desenvolverse eucalipto.
Entón a limpeza dos montes sería falta de iniciativa empresarial, abandono ou desleixo de funcións por parte das diferentes administracións?
Custa diñeiro, uns traballadores poden custarche setenta euros hora. Iso podía solucionarse con algunha caste de incentivo para limpeza do monte. Nalgúns lugares hai empresas con maquinaria e xente, pero debería haber algún incentivo que permitise limpar as pistas, cargadeiros e faixas de seguridade. Os lumes de Portugal e das Rías Baixas chegarán ata o norte e todo por falta de limpeza e coidado do monte. Por outra parte, non todo é beneficio co eucalipto. Porque plantar unha hectárea xa custa 2000€ entre todas as operacións, aos catro anos hai que limpar que son 1000€, e todo iso réstase do beneficio final. A xente é reacia a gastar. Tamén se poderían plantar outras especies, pero non teñen mercado. A xente ve o que lle dá diñeiro e aí está a principal explicación.
A canto se paga o ecualipto e como se paga? Porque polo que sei, ata o de agora había unha soa empresa marcando os prezos. Isto é así ou xa non?
Segue sendo. Hai unha empresa emisora de tarifas de prezos. Esa emprea é Ence. Esas tarifas cambian todo o ano. Os prezos para as asociacións eran de algo máis de 30€ por tonelada de eucalipto sen pelar, pero se vai sen codia o prezo é de seis euros máis. O prezo da tonelada de pasta de papel aumentou durante o 2017 algo máis de 300 dólares, co que temos un prezo por tonelada de máis de novecentos dólares, en euros anda sobre os 820. A materia prima non subiu case nada de prezo pero a pasta de papel si que o fixo. Entón, os madeireiros que se rexen polos prezos de Ence, as outras empresas en España déixanse levar por eses mesmos prezos. Podes chamarlle monopolístico, pero hai unha empresa que pon tarifas fixas, se queres vendes e se non, pois non.
Hai alternativas?
As asociacións que son de Ortegal e Ferrol mandan polo porto de Ferrol e poden enviar a Portugal por tren ou barco. A Mariña luguesa non pode enviar a Ferrol por tren nin exportar por barco, só lle queda enviar a Ence-Navia ou País Vasco e mesmo algunha a Zaragoza, facendo trasbordo por tren. Podía regularse a corta, pero como cortan nun sitio e logo noutro, van conseguindo un fluxo de madeira importante. No porto de Burela, o exportador portugués Estima Reis, envía sobre todo para o País Vasco algún barco con eucalipto. Por tren temos que en dirección a Euskadi van quince vagóns con sesenta toneladas de madeira cada un, percorrendo máis de 500 quilómetros, pero cada o porto de Ferrol que son menos de 200 quilómetros non hai tren.
E cales son os intereses creados para que isto sexa así?
Mira, pola Ponte dos Santos en Ribadeo, pasan cada día máis de douscentos camións con madeira galega en dirección a Navia. A cuestión é que mandar esa madeira por camión custa 10€ por tonelada. Se a queren mandar a Ferrol ou a Pontevedra, pois o prezo do transporte sube a 24€ por tonelada. Eles, Ence, xogan con iso, coa suba no transporte. Por tanto temos miles de produtores e un só comprador. Ence con PROMAGAL tivo ata o ano 2012 un acordo polo que lle temos enviado unha grande cantidade de madeira, pero agora negocia puntualmente con cada asociación local e ao mesmo prezo. Que problema habería en comprar a todas pola mesma cantidade? O caso é que cada concello do norte de Galicia ten un stock moi alto de madeira madura lista para vender. Ence en Navia tamén usa intermediarios, madeiristas, que reciben sesenta euros por tonelada, prezo fixo, e eles mercan por 30 euros tonelada e transporta por 15 euros, por exemplo. Por iso hai uns intereses creados. Por tanto, hai un número moi alto de vendedores de madeira barata, uns intermediarios que sacan unha marxe de beneficio e unha empresa que está poñendo as botas. Se compro por 200 euros madeira, podo sacar 970 euros por tonelada de pasta de papel. A quen menos lle queda é a produtor.
Que pasos están dando desde PROMAGAL para frear ese monopolio de Ence?
Estamos negociando con outras empresas para termos tres ou catro sitios a onde enviar a madeira e ter unha concorrencia, para que a quen interese máis pague mellor. Ence pola súa banda, tenta neutralizar estas negociacións mediante contraofertas. Haber hai alternativas para a exportación a través de portos como Ribadeo, Cariño, Burela ou Ferrol que a día de hoxe non son viables. O motivo é a dificultade para formar cooperativas fortes entre produtores por exemplo, para que deixe de haber intermediarios que saquen un terzo de beneficio na operación.
Este ano pediron explicacións sobre a paralización nas exportacións de madeira ao exterior. Que lles dixeron?
Déronnos desculpas, que non lles sae rendíbel, que é mellor por tren e por tren lévano desde Ferrol, A Susana en Compostela ou desde o Ceao en Lugo. Esa desculpa non serve, porque o flete por barco desde calquera porto, sería de once euros por tonelada. Pedímoslle a diferentes organismos de competencia, mesmo da Unión Europea, que investigason por que non se exporta a Portugal desde o ano 2014. Polo de agora non houbo resposta. Desde Ortegal expórtase algo a Portugal e A Mariña vende moito a Euskadi por tren desde Xove á empresa Zikuñaga e o resto para Ence en Navia. Esta última empresa ten reservas moi limitadas de madeira, porque non dan abasto para satisfacer a demanda. O que fan é estirar ata onde poden para non subir os prezos. O malo de Navia é que cotiza en Asturias. A pasta é enviada logo ao porto de Ribadeo.
Hai outros lugares en Europa que lle podan facer competencia a Galicia na produción de madeira?
Aquí prodúcense trece millóns de metros cúbicos de madeira dos que se cortan oito millóns e catro quendan sen cortar. En piñeiro non podemos competir con Aquitania, países nórdicos ou Rusia. En frondosas non podemos competir co carballo francés, por exemplo. O noso é máis caro e ten peor calidade. Só somos competitivos no eucalipto, sobre todo no eucalipto branco ou glóbulus. Non só se pode competir con eucalipto para pasta, senón tamén madeira de eucalipto para estruturas e contralaminada e madeira técnica.