Cadernos da viaxe
Prefiro sempre escrebir dende os dados e as cifras. Xa que logo, tendo refugar ubxectividade do adxectivo e moito más dos xuizos de global desvalorización. Mais hai veces que até lle fan dubidar a un desta escolla.
O Ministerio de Facenda ven de publicar a liquidación do orzamento de 2021. E os dados son arrepiantes, amosando moi nidiamente o proceso de teledirixida recentralización económica a prol de Madrid no que vivimos. Porque nesa rexión investiron 2.086 M€ (un 84% máis dos 1.134 M€ orzamentados) mentres que no noso país investíronse só 533, un terzo menos ca os 793 previstos.
O de Catalunya aínda foi peor, pois que só executaron un terzo dos recursos consignados. Compre salientar, que esta liña ten sido unha constante de todos os gobernos do Estado, quer do PP, quer do PSOE. Porque entre 2015 e 2020 a Administración estatal investiu na Galicia 1.400 M€ menos do orzamentado, privándonos duns recursos tan esenciais para a nosa economía e benestar.
Ou sexa, que deputados e senadores elixidos polos distintos países e rexións do Estado van a Madrid, discuten obxectivos, aproban orzamentos e despois o Goberno do Estado, estea Rajoy ou Sánchez, incumpre o pactado, desobedece a lei orzamentaria e executa só o que lle vai ben a ese territorio succionador que amorea o 29% dos empregados públicos cun 19% do PIB , que desertizou a Meseta castelá e vai camiño de desertizar a península ibérica toda.
Sempre a prol dos intereses das elites madrileñas, dese palco do Bernabeu. Supoño que o farán por España, por esa idea de España tan particular que teñen, onde uns son máis iguais ca outros.
“Este proceso onde a rexión madrileña vai dopada con investimentos esenciais dos que se lles priva a Galicia”
Este proceso onde a rexión madrileña vai dopada con investimentos esenciais dos que se lles priva a Galicia- e a case todos os demáis territorios- xera á súa vez un proceso de asentamento na capital madrileña dos mellores empregos e soldos dos investimentos multinacionais, ben coñecedores de que o español é un Estado absolutamente centrípeto no económico.
Das resultas desta dopaxe económica e da súa absoluta falla de interese no benestar das clases populares o Goberno rexional de Madrid practica impunemente o dumping fiscal, atraendo ao seu paraíso fiscal ás persoas con máis renda e patrimonio dos outros países e territorios do Estado.
Decatémonos de que non está a chover, senón que están a mexar por nos. Se nos maltratan que non insulten ao tempo á nosa intelixencia.