Manuel Antonio.

Manuel Antonio Pérez Sánchez foi o máximo representante do vangardismo poético en Galicia. Naceu en Rianxo en 1900 e finou en Asados (Rianxo) en 1930. Naceu no seo dunha familia conservadora. Con dous anos foise a vivir a Padrón e con catro anos ficou orfo de pai, que morreu de tuberculose. Estudou o bacharelato nun instituto de Compostela., onde comeza a súa militancia no galeguismo e no republicanismo, amosando unha actitude radical e rebelde.

Relacionouse con Rafael Dieste. Tentou sen éxito alistarse na Lexión Estranxeira francesa durante a I Guerra Mudial, foi detido na fronteira e botou uns días no cárcere. Tamén quixo -igualmente sen éxito- participar na Revolución Rusa e nas guerrillas sandinistas de Nicaragua. Contaxiado polos movementos agraristas, participou cos seus poemas na loita anticaciquil. Fixo estudos de náutica en Vigo e iniciou estudos -que non rematou- de Filosofía e Letras en Santiago. Participou na II , III e IV Asemblea Nacionalista Galega. Recibía case todas as publicacións literarias e galeguistas da época e tamén algunhas estranxeiras. “O sol da liberdade” foi o seu primeiro poema editado. Colaborou en varias revistas e participou no consello de redacción de Ronsel. Xunto con Álvaro Cebreiro, publicou en 1922 o coñecido manifesto artístico ¡Máis alá!. Fixo prácticas de piloto na mariña mercante. En Rianxo non tiña con quen compartir as súas inquedanzas artísticas, polo que acentuou o seu carácter solitario e individualista. A súa única obra poética publicada en vida foi De catro a catro (1928). Realizou tres viaxes a América a bordo dun buque holandés e faleceu prematuramente de tubersulose. En 1972 publicáronse postumamente Con anacos do meu interior, Foulas, Sempre e máis dispois e Viladomar, reeditándose tamén De catro a catro. No ano 1979 adicouselle o Día das Letras Galegas.

En Rianxo seica ten unha casa museo, que aínda non visitei. Escollín como mostra este poema De catro a catro:

AO REVERSO DA NOITE

LUCEIROS degolados
desángranse de ouro no Mar

De par de nós
a Lúa
fai ronseis infecundos

Mentres sonea a mareta
vai folleando no libro das velas

Irredentos velamios exhaustos
resignados a pendurar da cruz

Estrelas inconscientes
mecanizan o obseso tic-tac

A auga toda dos océanos
ensumiuse nunha bágoa

E o pano branco do novo día
enxugará os ollos do ceo.

Funcionario de prisións xubilado, Ourense.