Manuel Baltar non acode ao Supremo e a comparecencia posponse unha semana

Un radar de tráfico detectara o seu vehículo a 215 quilómetros por hora

Ourense | O senador José Manuel Baltar non se presentou hoxe no Tribunal Supremo, onde estaba citado para comparecer ante a maxistrada que instrúe a causa por delito viario e prestar unha declaración voluntaria.

O xulgado do Penal número 1 de Zamora inhibiuse o pasado mes de setembro, cando Baltar asumiu o cargo na Cámara Alta e converteuse en aforado.

Manuel Baltar solicitara por escrito un aprazamento da dilixencia, alegando motivos de saúde do seu avogado. A maxistrada aceptou a xustificación e sinalou nova data: 19 de decembro, 10 horas.

Antecedentes
O domingo 23 de abril, axentes da Garda Civil de Tráfico deron o alto ao coche oficial do que nese momento era presidente da Deputación de Ourense á altura do municipio de Asturianos (Zamora) e identificaron a Baltar, despois de que un radar detectase o vehículo a 215 quilómetros por hora, nun tramo da autovía das Rías Baixas, A-52, limitado ao máximo xenérico das vías de alta capacidade (120 por hora).

Unha vez trasladada a causa no Supremo, a maxistrada Ana María Ferrer é a instrutora do procedemento. A dilixencia de declaración voluntaria está prevista pola xuíza como paso previo, xunto ás dilixencias de instrución que considere oportunas, antes de solicitar o suplicatorio á Cámara Alta, no caso de que aprecie indicios suficientes para proseguir contra Manuel Baltar por un delito viario. Nese escenario, o xuízo tamén se celebraría no Supremo.

A Sala do Penal do alto tribunal español abriu unha causa contra o expresidente da Deputación, o pasado mes de novembro, unha vez que foi nomeado senador por designación do Parlamento de Galicia, a finais de xullo, coa maioría absoluta do seu partido, o PP.

Nunha primeira ocasión, a vista non puido celebrarse porque o seu avogado non puido acudir. A segunda vez, non aceptou as penas propostas pola Fiscalía, que conlevasen entón cargar cunha condena firme por delito. O ministerio público solicitada 1.800 euros de multa e un ano e un día de privación do dereito para conducir vehículos de motor. A defensa de Baltar cuestionou naquela fase do procedemento que cometese delito porque, entre outras razóns, chegou a abonar unha sanción tras ser notificado polos axentes na autovía.

Ao non haber conformidade na proposta de xuízo rápido, a causa elevouse ao xulgado do Penal de Zamora. Nesta instancia tampouco chegou a celebrarse a vista a tempo, antes do cambio de status político de Manuel Baltar: de ser un barón do PPdeG, con mando en Ourense, a perder o poder, a cambio do aforamiento no Senado.