Ourense | Manuel Cabezas, exalcalde de Ourene e candidato do PP á Alcaldía da cidade das Burgas, sitúa ao termalismo como o obxectivo fundamental e prioritario que ten Ourense. Expón como primeiros obxectivos reconstruír A Chavasqueira, abrir de novo a piscina termal de As Burgas e facer que o Concello participe decisivamente na xestión termal da Xunta coa oficina que abrirá a capital.
“Temos que lograr que calquera investidor que queira realizar un proxecto termal pense en Ourense, ofrecéndolle seguridade xurídica cun PXOM aprobado ou unha modificación puntual e con todo o apoio municipal”.
Ourense é unha cidade de ríos e pontes e o candidato fíxase como meta adecuar e intercomunicar as ribeiras coa construción de dúas novas pasarelas, xunto á Chavasqueira e Outariz, “que facilitaría comunicar os ríos coa contorna natural e ampliar os 17 quilómetros actuais de sendas”.
Tamén propón unha nova ponte sobre o Miño que comunicaría a zona do Conservatorio de Música con Peluquín, enlazando coa circunvalación norte e coa futura autovía Ourense-Lugo.
“Ourense tamén pode ser interesante polas súas pontes, por iso Manuel Cabezas puxo o acento en cuestións como o benestar social e a saúde, “onde o concello debe poñerse máis que nunca ao lado da xente que o necesita”. O chamado terceiro sector, sinalou, “tamén ten que prestar atención ao mundo da discapacidade”.
Cultura
Destacou tamén o amplo capítulo dedicado á Cultura, con 12 iniciativas “que teñen como obxectivo restaurar unha das actividades máis agredidas por parte do actual equipo de goberno”. En infraestruturas e mobilidade referiuse ao soterramento da avenida de Otero Pedrayo, no tramo comprendido entre o campus universitario e a parcela na que se construirá o futuro edificio administrativo da Xunta; tamén da avenida Pardo de Cela desde a Audiencia ata o pavillón de deportes de Vos Remedios, creando así un espazo humanizado na contorna do Puente Romano. “Construiremos en colaboración coa Xunta un novo vial alternativo a Marcelo Macías”.
A “Aposta de Futuro” de Manuel Cabezas inclúe a humanización de rúas como Progreso, que cobrará protagonismo co futuro hotel balneario no edifico da Deputación, ou a peonalización da contorna do Parque de San Lázaro.
O candidato expuxo un plan integral de rehabilitación para o centro histórico, recuperando a oficina técnica de xestión para o desenvolvemento do PERI que axude a promover vivenda, a actividade comercial e o turismo, cunha primeira medida como a peonalización e maior seguridade cidadá.
O deporte tamén será un eixo importante, con novos complexos deportivos en Oira, Montealegre e Mariñamansa, tratando de responder así á falta de espazos deportivos.
Para que a cidade progrese tamén hai que promover a actividade empresarial, por iso Manuel Cabezas tamén defende unha adecuada xestión do chan e coa sustentabilidade como eixo de cada actuación en contornas como Seixalbo, As Coiñás, Quintela de Canedo ou Santa Mariña.
Non faltaron referencias do candidato ao urbanismo, “coa urxente necesidade de aprobar un PXOM”, así como a outros capítulos que recolle a súa “Aposta de Futuro” como o turismo, a promoción económica e emprego; medio ambiente; eficiencia enerxética; mocidade; e perímetro rural. Na foto, Manuel Cabezas, primeiro pola esquerda.