Oviedo | Alfredo Canteli, alcalde de Oviedo, propuxo o nomeamento do ourensán Manuel Fernández Quevedo como Fillo Adoptivo da cidade. Fernández Quevedo, natural de Loureiro, Concello de Nogueira de Ramuín, é presidente da Asociación Día de Galicia en Asturias.
Agora, esta proposta deberá pasar pola Comisión de Honras e Distincións e se é aprobada, convocarase pleno extraordinario antes da celebración do acto de entrega da distinción.
O colectivo de galegos en Asturias botou a andar no ano 1995 “cando un grupo de bos amigos namorados da nosa querida Galicia tivemos a idea de fundar unha entidade que reforzase máis a unión e o irmandamento da terriña con este Principado”, lembra Fernández Quevedo.
Outras persoas que recibirán igual título son: Eduardo Úrculo (a título póstumo), Evaristo Arce, Manolo Linares e Amelia Varcárcel. Pola súa banda, o cantante Ramón Melendi Espiña será recoñecido como Fillo Predilecto de Oviedo.