O Auditorio Mar de Vigo é un edificio de máis 2.500 metros cadrados creado para aloxar feiras, reunións, seminarios, presentacións e eventos de todo tipo. O devandito Auditorio tivo unha historia ateigada de despropósitos e mala xestión.
Comezou a súa andaina baixo a tutela de Congrevigo S.L. e coa subcontratación dos eventos a unha sociedade limitada, que en principio foi unipersoal e cun capital social de só 3000 euros, a sociedade mercantil denominada Organización de Ideas de Éxito, O.I.D.E S.L.
Despois dalgún tempo cunha dubidosa actividade e un funcionamento deficiente, o xulgado do mercantil número 3 de Pontevedra declarouna en concurso voluntario de acredores abreviado e realizou a apertura da fase de liquidación da sociedade mercantil Congrevigo SL, a empresa que se encargou durante dous anos da organización de espectáculos e conferencias no Pazo de Congresos e Auditorio Mar de Vigo.
Posteriormente asumiu as rendas do Auditorio a sociedade anónima Pazo de Congresos, e continuou coa xestión de eventos a sociedade limitada OIDE. Porén, posteriormente un xuíz declarou a fase de liquidación da sociedade Pazo de Congresos de Vigo. Desde ese momento quedaron en suspenso as facultades de administración dos novos xestores, e por tanto pasaron a unha administración concursal.
Malia as constantes axudas e subvencións custeadas con diñeiro público, malia outorgarlle 500.000 euros en sucesivas ocasións, malia darlle outros cinco millóns no 2011, producíronse os diferentes concursos de acredores e a vergoñosa liquidación e rescate posterior do complexo do Auditorio Mar de Vigo, que custou ás arcas municipais máis de 74 millóns de euros.
“Estas operacións prolongadas de rescate económico do Auditorio Mar de Vigo custaron unha fortuna aos vigueses”
Estas operacións prolongadas de rescate económico do Auditorio Mar de Vigo custaron unha fortuna aos vigueses. E o peor é que ao anterior hai que engadir outras cantidades superiores a 30 millóns de euros que xa se gastaron nese ruinoso Auditorio, entre a construción do edificio e as diferentes obras e gastos derivados da nefasta xestión da mencionada infraestrutura.
A miña opinión persoal é que desde a localización errónea do edificio ata a falta de desenvolvemento urbanístico da zona durante todos estes anos fóronse acumulando as actuacións erráticas que nos conduciron á desastrosa situación actual. O goberno local nunca escoitou nin atendeu ningunha das advertencias que se lle fixeron en todo este tempo.
Quero engadir que a localización arbitraria das aulas da UNED no Auditorio, quizais para inxectar novos fondos no edificio, non liquidará os problemas que arrastra ese Auditorio. Por todo o exposto entendo que sería necesario a creación dunha comisión de investigación sobre o Auditorio Mar de Vigo, para coñecer se a Xunta de Goberno do Concello de Vigo pediu algunha auditoría da actual concesionaria do Auditorio e para coñecer a situación económica real das contas do mesmo.
Por último lembrar que eu mesmo presentei un recurso onde reclamaba ao Concello que recuperase os 500.000 euros concedidos á subcontrata OIDE S.L que xestiona e promove espectáculos no auditorio, pois consideraba que a empresa Organización de Ideas de Éxito non tiña a solvencia económica nin capacidade técnica demostrada e ademais defendín que as subvencións e axudas nominativas concedidas directamente pola alcaldía impediron a competencia doutras empresas ou posibles novos xestores que puidesen mellorar as condicións da xestión dos espectáculos do devandito Auditorio.
Espero que a oposición reclame a creación dunha comisión de investigación e que esixan ao Alcalde unha auditoría urxente da concesionaria.