O Porriño | No mes de marzo do ano pasado constituíuse a Marcha Mundial das Mulleres na Louriña, na busca de crear unha asociación que englobase as mulleres que queren reivindicar e traballar por un mundo máis igualitario para nós e para as nosas fillas e fillos.
Un paso necesario na consolidación desta asociación é a de contar cun local de referencia. Como asociación asentada no Porriño, solicitámoslle ó concello un dos espazos públicos que estean en desuso ou que puidésemos utilizar. Toda asociación cultural, cívica, lúdica ou deportiva pode, previa solicitude, facer uso dos espazos públicos xestionados polo goberno local.
Para iso fixemos dúas solicitudes entregadas por rexistro. Unha presentámola o 16 de marzo deste ano 2023. A segunda foi presentada o 5 de xullo, practicamente 4 meses despois. A resposta foi a mesma nos dous casos: o silencio. Solicitámoslle, agora por vía pública e non por rexistro como nas dúas anteriores ocasións, ó concello que nos dea unha resposta. Precisamos un local para reunírmonos, para termos o material co que elaboramos diferentes soportes e que funcione como referencia física para as mulleres do noso concello e área.
No Porriño, existen instalacións municipais que están en pleno desuso e dende hai anos. Un exemplo son as escolas unitarias que xa non desenvolven actividade docente, como é o caso da Escola Unitaria de Pontellas. Este edificio, coma outros similares, foi erguido co esforzo económico das persoas migrantes da parroquia no primeiro terzo do século XX e agora leva 7 anos sen uso. Apenas son abertas as súas portas para as votacións no día das eleccións.
Por conseguinte, hai espazos dispoñibles que nos poden ser cedidos. Se existen locais, o único que explica a falta de resposta é que o concello do PP se sinta incómodo coa nosa existencia ou función.
O feminismo debe ser unha preocupación de todas e de todos; debe estar por riba de ideoloxías partidistas. Non chega con facer acto de presenza en concentracións. Por iso solicitamos unha resposta e, se puder ser, afirmativa á nosa esixencia de contar con un local cedido pola administración local.